2 de xan. de 2026

O ROSAL

Case 600 persoas despediron o ano na San Silvestre do Rosal  

Rosaleiras e rosaleiros desfrutaron dunha xornada festiva que combinou deporte, diversión e espírito solidario, na última xornada do 2025 

 

Case 600 participantes, entre corredores, camiñantes e familias, gozaron nesta nova edición da San Silvestre
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O último día do ano 2025 converteuse nunha auténtica festa no Rosal, onde o deporte, a solidariedade e a diversión percorreron as rúas do municipio. Case 600 participantes, entre corredores, camiñantes e familias, gozaron nesta nova edición da San Silvestre, un evento que xa se consolidou como cita imprescindible do calendario festivo local. 

 A xornada incluíu unha andaina infantil de 2,3 km, pensada para os máis pequenos e pequenas, e unha carreira non competitiva de 4 km para as persoas adultas, fomentando a participación de todas as idades e niveis deportivos. Ao remate, a tradicional chocolatada acompañada do sorteo de cestas puxo o broche de ouro a unha mañá cargada de enerxía e bo ambiente. 

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, destacou que “ver tantas persoas unidas, correndo, camiñando e compartindo unha xornada de deporte e alegría reflicte o espírito de comunidade que define ao noso municipio. A San Silvestre do Rosal non é só unha carreira, é unha celebración de toda a veciñanza”. 

 Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, subliñou que “o éxito desta segunda edición, cunha participación de récord, demostra que o deporte pode ser unha ferramenta de unión, diversión e solidariedade. Queremos agradecer a todas e todos os participantes, así como ás entidades e voluntarios que fixeron posible esta xornada”. 

 Con esta edición, a San Silvestre do Rosal consolídase como unha actividade de referencia, capaz de combinar saúde, entretemento e valores colectivos nun ambiente festivo que marca a chegada do novo ano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario