A Cabalgata de Reis levará ilusión e maxia a todos os barrios e parroquias de Oia
• Este luns, 5 de xaneiro de 2026
Infogauda / Oia
O vindeiro luns 5 de xaneiro, Oia vivirá unha das xornadas máis agardadas do ano coa celebración da tradicional Cabalgata de Reis, unha cita moi especial para as familias e, especialmente, para os nenos e nenas do municipio. As Súas Maxestades de Oriente chegarán a Oia pola mañá e dedicarán toda a xornada a percorrer os distintos barrios e parroquias, repartindo ilusión, sorrisos e espírito navideño por cada recuncho.
O percorrido matinal dará comezo ás 11.00 horas na Portela, continuando por Mavia e Santa Comba (11.30 h), praza de Acevedo (12.00 h), praza de Loureza (12.30 h), Refoxos (12.45 h), praza de Burgueira (13.00 h) e praza de Torroña (13.30 h), achegando a maxia dos Reis Magos a diferentes puntos do municipio.
Xa pola tarde, a cabalgata retomarase ás 15.00 horas na casa cultural de Viladesuso, para continuar cara á casa cultural de Pedornes (15.30 h) e a Baixada ao Mosteiro (16.00 h), onde os Reis estarán acompañados pola Rondalla de Mougás, enchendo o ambiente de música e tradición. A continuación, a comitiva trasladarase á igrexa parroquial de Santa María de Oia, onde haberá canto de panxoliñas e terá lugar a entrega de premios das postais da catequese.
A xornada continuará coa recepción oficial das Súas Maxestades no CEIP Mestre Manuel García ás 17.00 horas, cunha tarde pensada para o público infantil, con agasallos, chocolatada e animación. O broche final á celebración será na casa cultural de Mougás a partir das 19.00 horas.
Con esta programación, o Concello de Oia convida a toda a veciñanza a participar e gozar dunha xornada chea de encontro, tradición e ilusión, mantendo viva a maxia do Nadal e reforzando o carácter comunitario destas datas tan especiais.

Ningún comentario:
Publicar un comentario