Tomiño prepárase para unha Cabalgata de Reis que percorrerá todas as parroquias
• O Concello convida á veciñanza a participar nos tres itinerarios e na recepción aos Reis, o luns, 5 de xaneiro, e nas actividades infantís na praza do Seixo o 3 e 4 de xaneiro
Infogauda / Tomiño
O Nadal alcanza o seu punto máis máxico en Tomiño coa ilusión dos máis pequenos se converte no eixo da festa. Este ano, a Cabalgata de Reis volverá percorrer todas as parroquias do municipio, garantindo que ningún neno ou nena se quede sen ver aos visitantes máis agardados nestas datas.
O sábado 3 e o domingo 4 de xaneiro, haberá inchables gratuítos para o público infantil na praza do Seixo, de 16:00 a 20:00 horas, ofrecendo diversión e ocio seguro para todas as familias. E xa o luns, 5 de xaneiro, ás 10:00 horas dará comezo a Cabalgata por distintos puntos do Concello. Os Reis percorrerán en tren os tres itinerarios que atravesarán Pinzás, Vilachán do Monte, Cristelos, Barrantes, Vilameán, San Salvador, Santa María, Hospital, Taborda, Piñeiro, Sobrada, Currás, Amorín, Carregal, Forcadela, Vilachán, Estás, Figueiró, Goián e Tomiño, para rematar ás 18:00 horas na praza do Seixo, onde se celebrará a recepción aos Reis e o sorteo de agasallos entre os cativos e cativas. Ademais, dende as 17.00 horas as Treboadas percorrerán as rúas de Goián e Tomiño, e dende as 17.30 h haberá Cantos de Reis e animación infantil na praza do Seixo.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que este formato “permite que os nenos e nenas poidan recibir de xeito máis cómodo e tranquilo aos Reis Magos, con tempo suficiente para recoller agasallos e participar no sorteo”. A rexedora engadiu que a organización da Cabalgata busca “fomentar a ilusión, a participación familiar e que todas as familias poidan gozar dunha xornada única en cada barrio”.
Para garantir a seguridade e o bo desenvolvemento da comitiva, o Concello contará coa colaboración da Policía Local, Protección Civil, e as asociacións Luces de Tomiño, Estrelas da Noite, Ciklon e Virxe do Alivio. A Concellería de Cultura anima a toda a veciñanza do municipio e da comarca a participar nesta festa tradicional, vivir a maxia do Nadal e recibir xuntos ás Súas Maxestades, nunha xornada que promete emoción, ilusión e moita diversión para os máis pequenos.

Ningún comentario:
Publicar un comentario