5 de xan. de 2026

DEPORTES

 ATLETISMO

Álex Sierpes Pereira proclámase campión de Galicia Sub20 de cros 


Álex Sierpes Pereira - no centro - proclamouse campión de Galicia de cros na categoría Sub20 no Campionato Autonómico Xunta de Galicia

Foto: Cedida

Redacción Deportes / A Guarda

 Álex Sierpes Pereira, atleta do Vicky Foods Athletics, proclamouse campión de Galicia de cros na categoría Sub20 no Campionato Autonómico Xunta de Galicia, que se celebrou onte na Rúa (O Barco de Valdeorras), proba que abriu oficialmente o calendario autonómico de 2026. 

 O atleta guardés estreouse con vitoria na categoría junior, cumprindo os prognósticos e o criterio establecido pola Federación Galega de Atletismo (FGA) para representar á selección galega no Campionato España de Federacións. 

 A competición, de carácter individual e por clubs, reuniu ás categorías absoluta, Sub23, Sub20, Sub18 e Sub16, disputándose no circuíto do Aguillón. 

 Sobre unha distancia aproximada de 5.000 metros, o percorrido presentou un terreo mollado e brando, o que aumentou a esixencia da proba. 

 Álex Sierpes non tivo o seu mellor día, sufrindo dúas caídas durante a carreira. A última delas, na arrancada final, fíxolle perder momentaneamente a cabeza de carreira e púxoo contra as cordas. Con todo, soubo refacerse con solvencia para impoñerse finalmente e facerse co título galego Sub20. 

 O podio quedou configurado da seguinte maneira: 

1.º Álex Sierpes Pereira – 14:29 (Vicky Foods Athletics) 

2.º Anxo Bello Rodríguez – 14:31 (Club Atletismo Narón) 

3.º Iker Fernández Cordesido – 14:39 (Lucus Caixa Rural Galega)

Ningún comentario:

Publicar un comentario