16 de dec. de 2025

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

A CIG mobilízase contra un novo caso de represión sindical na residencia Monte Tecla 

 A dirección do centro de persoas maiores de Camposancos (A Guarda) despediu unha delegada ao volver dunha baixa tras denegarlle a adaptación de posto 


Mobilización de persoas convocadas pola CIG diante da residencia de maiores e centro de día Monte Tecla, de Camposancos
Foto: CIG

Infogauda / Camposancos (A Guarda) 

 Arredor dun cento de persoas convocadas pola CIG mobilizáronse hoxe diante da residencia de maiores e centro de día Monte Tecla, de Camposancos (A Guarda) para rexeitar un novo caso de represión sindical despois de que a dirección despedise en novembro unha das delegadas da central no comité de empresa ao volver dunha baixa médica e tras terlle denegado a adaptación do posto de traballo. 

 Dende a CIG-Servizos consideran a decisión unha represalia da empresa polas denuncias presentadas na Inspección de Traballo ante os incumprimentos de convenio e na propio servizo de Inspección de Maiores, Discapacidade e Dependencia, que constatou unha serie de irregularidades que afectan a atención que se lle presta ás persoas usuarias.  

 Esta actitude patronal vén de lonxe, xa que en 2006 á dirección de Monte Tecla despediu a candidata da central ás eleccións sindicais, que tivo que ser readmitida por decisión xudicial. Tras a saída desta persoa da compañía en 2010, a CIG non foi quen de conformar unha candidatura até 2023; mais cando a empresa soubo das intencións da central optou novamente por rescindirlle o contrato á cabeza de lista. Con todo, a CIG fíxose con 3 das 9 representantes do comité. 

 Precisamente unha destas integrantes da representación sindical é a que foi despedida a finais do mes de novembro. A afectada reincorporouse dunha baixa por incapacidade temporal tras o verán e solicitou unha adaptación de posto, mais a dirección demorou en remitila ao centro de prevención da saúde, que tardou tres meses en emitir un informe no que se lle declara apta con limitacións. 

  Neste tempo a compañía mantívoa traballando na zona das persoas máis dependentes sen adaptarlle o posto e a finais de novembro comunicoulle a rescisión de contrato por causas obxectivas, decisión que xa foi recorrida pola CIG no xulgado para reclamar a nulidade xa que a empregada pode desenvolver a maior parte das funcións de xericultora recollidas no convenio colectivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario