O Concello renova o auditorio de Goián para ofrecer máis confort ao público
• Investiu preto de 22.000 euros na restauración das butacas e na renovación do mobiliario do vestíbulo, mellorando a comodidade e a imaxe deste espazo cultural de grande uso
Fotos: C.T.
Infogauda / Tomiño
Os pequenos detalles tamén fan grande a cultura. O Auditorio de Goián, un dos principais espazos culturais de Tomiño, estrea nova imaxe tras unha posta a punto integral que combina restauración, confort e modernidade. Co obxectivo de mellorar a experiencia do público e garantir o bo estado das instalacións, o Concello levou a cabo unha actuación de mellora de case 22.000 euros centrada na restauración das butacas e na modernización do mobiliario da zona de acceso e espera.
Como destacou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “non só é importante construír espazos públicos para a nosa veciñanza como o auditorio ou a Casa da Cultura, tamén é fundamental o seu mantemento día a día para que estea nas condicións óptimas para o uso e desfrute de tomiñeses e tomiñesas”.
Un coidado que cobra especial relevancia no caso do auditorio de Goián, que pertence á Rede AGADIC e se converteu nun dos elementos culturais centrais da comarca do Baixo Miño ao ser un dos escenarios que programa ao longo do ano máis teatro, máis música e, agora, máis cine.
No interior da sala realizouse o retapizado e reparación completa das butacas, que incluíu o desmontaxe das pezas, a substitución das espumas deterioradas e a renovación dos tecidos, devolvéndolles o confort e unha estética orixinal. Un traballo coidadoso que permite prolongar a vida útil do material e mellorar o benestar do público en cada función, concerto ou acto que se celebre no auditorio.
Na zona do vestíbulo, que serve como punto de encontro e espera antes das actividades, o Concello incorporou novo mobiliario moderno e funcional, con sofás e mesas que dotan o espazo dun ambiente máis acolledor e actual, pensado para ofrecer maior comodidade e dinamismo aos usuarios e usuarias.
Con esta intervención, o Concello continúa reforzando o compromiso coa conservación e modernización das súas infraestruturas municipais, asegurando que espazos como o Auditorio de Goián sigan sendo un lugar de referencia para o encontro, a creación e o goce da cultura en todas as súas formas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario