BALONMÁN FEMININO
O Guardés visita ao Rocasa na súa derradeira cita antes do parón
• O Mecalia xogará este sábado (18.30 hora local, 19.30 peninsular) en Gran Canaria a undécima xornada ligueira, o seu derradeiro partido antes das catro semanas de parón polo Campionato do Mundo
• Ania Ramos reincorpórase á convocatoria e sumará minutos, polo que o equipo viaxa ao completo a excepción de Nerea Gil
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés despídese da Liga durante catro semanas. As de Ana Seabra xogarán este sábado (19.30 hora peninsular) a undécima xornada na pista do Rocasa Gran Canaria, que pecha esta frenética parte do calendario e supón o seu derradeiro partido ata mediados de decembro. Ania Ramos, xa recuperada, reincorpórase á convocatoria e viaxará para sumar minutos co equipo.
O Guardés chega coas mesmas ganas, pero notando xa o cansazo. E non é para menos, pois o equipo baixomiñoto acumula xa sete partidos nas últimas catro semanas, dous deles en xornadas consecutivas a pasada fin de semana en Bulgaria, ademais de incontables quilómetros de viaxe ás costas. A andadura pesou este mércores na Sangriña, onde o Elche puido controlar o ritmo do partido durante os primeiros minutos, pero as de Ana Seabra impuxeron o seu bo xogo e souberon apoiarse na defensa da portería para limitar as pretensións dun rival que se vía gañador (20-17). Este sábado, outra longa viaxe espéraas, a última en algo máis dun mes ata que volvan citarse en Elda o 17 de decembro.
O cadro de persoal viaxou este venres pola tarde ata Gran Canaria, tentando limitar o cansazo todo o posible. A boa noticia é que suman un activo máis que rotar, pois Ania Ramos recuperouse totalmente da súa escordadura de nocello tras varios días de repouso e desprazarase co equipo, preparada para sumar minutos sobre a pista. O Club conta agora coa única ausencia de Nerea Gil, que segue a recuperarse con moita ilusión e apoio das súas compañeiras trala súa operación no menisco do xeonllo esquerdo.
Polo demais, o Mecalia pecha esta parte do calendario visitando a un rival nun grande momento, e que mellorou o seu rendemento con respecto á pasada tempada. O Rocasa Gran Canaria érguese no cuarto posto da táboa, cun balance de sete vitorias e tres derrotas, e a tan só un punto de diferenza do Costa del Sol Málaga, terceiro. Posúe un dos ataques máis contundentes da categoría, que lle permitiu superar con vantaxes significativas ao Elche (15-25), o Porriño (25-20) ou o Aula Valladolid (21-28) nas últimas xornadas. Ademais, polo momento só perdeu un encontro como anfitrión, e chegará este sábado ao Insular Antonio Moreno con ganas de estender esa serie de catro triunfos consecutivos que tanta confianza aporta.
As de Carlos Herrera souberon repoñerse das importantes saídas anunciadas durante o verán, entre as que se atopan nomes como María Cobo, Jhennifer Lopes ou a nova guardesa Sabina Mínguez, potenciando a continuidade de xogadoras importantes como Lulu Guerra e Silvia Navarro na portería, ou Larissa da Silva e Almudena Rodríguez na primeira liña. As entradas da nova María González e a sueca Maja Portillo, entre outras, tamén aportaron ao bo funcionamento dun equipo que, o curso pasado a estas alturas, víase algo máis superado por rivais directos.
Guardés e Rocasa víronse xa as caras durante a pretempada deste verán, na primeira semifinal do II Torneo amigable Memorial Julio Gilsanz xogado no Porriño. O encontro quedou en táboas e decidiuse na rolda de penaltis a favor das insulares (25[0] – 25[2]). Con moito rodado dende entón, o seu próximo duelo decidirase este sábado ás 18.30 hora local en Telde.
Ana Seabra: “Será outro partido que se decidirá por pequenos detalles de eficacia”
A adestradora do Guardés, Ana Seabra, coincide en que o Rocasa Gran Canaria “vén nun momento moi positivo” motivado por esas catro vitorias consecutivas e por unha “boa forma ofensiva e defensiva”. A técnica espera que as canarias saian a por todas, buscando consolidar o seu lugar na táboa “aproveitando o bo dinamismo do equipo”, polo que as da Guarda están preparadas para que sexa “un partido moi calibrado e no que os momentos defensivos terán un peso moi decisivo”.
A folla de ruta para dominalo, por tanto, ten que ver coa estratexia de ataque: “Estamos centradas en impoñer o noso xogo ofensivo e controlar os momentos críticos”, indica a preparadora baixomiñota. A concentración durante os 60 minutos será chave para superar un encontro difícil, como o son todos nesta Liga, e en palabras de Seabra, “outro partido que se decidirá por pequenos detalles de eficacia”.
AXENDA
Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 11
Rocasa Gran Canaria – Mecalia Atlético Guardés
Sábado, 15 de novembro, ás 18.30 hora local (19.30 hora peninsular) no Pavillón Insular Antonio Moreno
Retransmisión pola canle de YouTube do Club Balonmano Remudas:

Ningún comentario:
Publicar un comentario