BALONMÁN FEMININO
O Guardés contará con representación internacional no Mundial
• O equipo baixomiñoto mobiliza a tres xogadoras ao Campionato do Mundo que se xogará entre o 26 de novembro e o 14 de decembro en Alemaña e Países Baixos
• Lorena Téllez representará á selección de Cuba, mentres Ariana Portillo e Jazmín Mendoza aportarán nas filas da Confederación Paraguaya. Do corpo técnico, Ana Seabra estrearase como seleccionadora de Irán e Will Ferrari actuará de analista de Brasil
• Pola súa parte, Blazka Hauptman participará nun campus de adestramento de cara ao Mundial 2027 co equipo nacional de Eslovenia
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés contará con representación internacional no Mundial que comeza este mes. Lorena Téllez, Ariana Portillo e Jazmín Mendoza representarán aos seus respectivos equipos nacionais no Campionato do Mundo que se xoga entre novembro e decembro en Alemaña e nos Países Baixos, onde a adestradora Ana Seabra tamén se estreará como seleccionadora nacional de Irán. Con motivo do evento, a Liga Guerreras Iberdrola vivirá un parón que se estenderá ata o 17 de decembro, día do encontro de duodécima xornada entre Guardés e Elda Prestigio.
O Campionato, que se celebra cada dous anos, terá lugar nesta ocasión entre o 26 de novembro e o 14 de decembro en cinco sedes repartidas entre Alemaña e os Países Baixos, sendo a principal delas o Rotterdam Ahoy. Como é habitual, as súas primeiras citas dedicaranse á fase de grupos, na que 32 países organizados en oito grupos competirán por avanzar cara á seguinte etapa.
Entre esas 32 seleccións, o Mecalia Atlético Guardés contará con representación grazas aos seus membros internacionais. En primeiro lugar, Lorena Téllez realizará o seu debut mundialista da man da Selección de Cuba, coa que compartira xa un tempo nos primeiros anos da súa carreira deportiva sénior. O país caribeño comparte o grupo G cos equipos nacionais de Suecia, a República Checa e o Brasil, e xogará o seu primeiro partido contra este último o vindeiro 27 de novembro.
A identidade guardesa estará presente por outro lado, tamén da man doutra selección latinoamericana. Jazmín Mendoza e Ariana Portillo non faltarán no seu posto habitual na Confederación Paraguaya de Handball, coa que tamén participaron na última edición do Mundial no ano 2023, así como en numerosas competicións internacionais cada tempada. Paraguay, pola súa banda, parte do grupo D con Montenegro, as Illas Feroe e as Guerreras da Selección Española, contra as que disputará precisamente o seu primeiro encontro o día 26 de novembro.
Ademais, o corpo técnico do equipo baixomiñoto tamén se fará notar na principal competición internacional. A adestradora do Guardés, Ana Seabra, estrearase nesta cita como seleccionadora nacional de Irán, posto que asumiu o pasado mes de setembro e ao que se dedicou nos paróns ligueiros dende entón. O país persa comeza a competición no grupo B, que comparte con Hungría, Senegal e a Suíza, coa que debutará no seu primeiro encontro o xoves 27.
O adestrador axudante do Mecalia, Willian Ferrari, asistirá á súa vez ao evento co seu conxunto nacional. A selección do Brasil, que comparte grupo coa cubana, convocou os seus servizos como estadista e analista de rendemento, actividade que tamén desempeña nas filas guardesas.
O Club Balonmán Atlético Guardés desexa toda a sorte do mundo ás súas xogadoras e adestradores con cadansúas seleccións e destaca o orgullo de verse representado na competición internacional máis importante da tempada grazas a todos eles.
Con motivo do parón mundialista, o partido deste sábado en Telde, de undécima xornada entre Guardés e Rocasa Gran Canaria, será o último en algo máis de catro semanas. O equipo miñoto retomará a Liga o 17 de decembro en Elda, onde xogará o seu penúltimo partido de 2025.
Blazka Hauptman, mirando ao 2027
Esta semana coñeceuse, ademais, a convocatoria nacional doutra xogadora estranxeira que viste a camiseta do equipo miñoto. Entre o 17 de novembro e o 8 de decembro, a lateral Blazka Hauptman participará nun campus preparatorio de cara ás vindeiras citas da RZS de Eslovenia, entre as que se atopa a eliminatoria clasificatoria para o seguinte Mundial.
O país eslavo non logrou unha praza no Campionato deste ano e mira xa á cita que se disputará en Hungría en 2027, da man do talento mozo da lateral do Guardés, que competiu co equipo na EHF Euro 2024.
Pola súa parte, a gardameta Amandine Balzinc está en conversas para participar nunha concentración similar coa selección de Francia, pero a súa asistencia non está aínda confirmada.

Ningún comentario:
Publicar un comentario