Tomiño aprende primeiros auxilios coa súa axenda Impacto Saudable
• O Concello en colaboración con Protección Civil organiza dous obradoiros prácticos de soporte vital básico e uso de desfibriladores o 15 e 16 de novembro no Espazo Isaura Gómez
• Aberta xa a inscrición na web municipal
Infogauda / Tomiño
Cada segundo conta cando a vida dunha persoa está en risco. Con esta idea como motor, o Concello organiza dentro da axenda Impacto Saudable dúas charlas de primeiros auxilios en colaboración con Protección Civil de Tomiño abertas a todos os públicos.
A primeira sesión terá lugar o sábado 15 de novembro ás 19.00 h e centrará o seu contido no soporte vital básico: conduta PAS, recoñecemento da emerxencia, activación da cadea de soporte vital básico, reanimación cardiopulmonar e actuación ante a obstrución da vía aérea. As persoas participantes nesta primeira charla poderán asistir o domingo 16 de novembro ás 10.00 h á sesión sobre o uso de desfibriladores semiautomáticos en espazos públicos. Ambas actividades celebraranse no Espazo Isaura Gómez e requiren inscrición previa a través do formulario aberto na web municipal.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destacou que “estas accións forman parte do noso compromiso coa saúde e a seguridade da veciñanza. Saber actuar ante unha emerxencia non só salva vidas, senón que tamén fortalece a confianza e o benestar da nosa comunidade”. Pola súa banda, o concelleiro de Participación Veciñal, Agustín González, subliñou que “a axenda Impacto Saudable busca ofrecer ferramentas prácticas que melloren a calidade de vida e o benestar físico, emocional e social da veciñanza. Contar con coñecementos de primeiros auxilios e uso de desfibriladores é un paso fundamental cara a unha comunidade máis segura e preparada”.
A Axenda Impacto Saudable é un programa pioneiro que promove actividades de saúde, deporte e benestar para todas as idades, cofinanciado ao abeiro das axudas da Rede Española de Cidades Saudables, que apoia actuacións estratéxicas, innovadoras e de calidade dentro da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención, en convenio co Ministerio de Sanidade e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Ningún comentario:
Publicar un comentario