ATLETISMO
Álex Sierpes Pereira arrasa en Pontevedra coa mellor marca española sub18, de milla en pista ao aire libre
• Batendo dunha soa atacada tres récords en total, durante a XII Milla Federada Anedia de Pontevedra 2025
Redacción Deportes / A Guarda
Esta pasada fin de semana o atleta sen dúbida máis destacado, na celebración da XII Milla Anedia de Pontevedra, 2025, foi, unha vez máis, o guardés Álex Sierpes Pereira, pertencente ao equipo valisoletano Vicky Foods Athletics.
O máis anecdótico da xornada foi que o seu irmán Christian fíxolle de lebre ata o paso dos 800 metros. A partir de aí, o “puro sangue” guardés encargouse de encarrilar a xesta que o levou a pulverizar a mellor marca española de sempre, rexistrada nos arquivos da Real Federación Española de Atletismo (RFEA) e que ata o de agora estaba en posesión do atleta aragonés Sergio del Barrio, cun tempo de 04:17:27, logrado o 28 de maio de 2022 en Huesca.
Dese xeito, o atleta guardés Álex Sierpes Pereira volveu dominar esta fin de semana en Pontevedra, asinando nas pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva a mellor marca española de sempre en milla, en pista ao aire libre, cuns maxestosos 04:13:60 na categoría sub18.
Ademais, levou por diante - e adxudicouse á vez - os récords galegos das categorías sub18 e sub20, batendo dunha soa atacada tres récords en total, durante a XII Milla Federada Anedia de Pontevedra 2025. Fíxoo cunha garra descomunal de principio a fin, coa axuda do seu irmán Christian, que tivo un papel crave na proba.
Con esta nova fazaña, Álex Sierpes segue ampliando o seu palmarés de plusmarcas galegas, acumulando actualmente 24 mellores marcas autonómicas e varias nacionais. Ano tras ano, este atleta continúa labrándose unha carreira exemplar, traballando duro día tras día para que a súa progresión siga a ritmo frenético, sen estancamentos, e consolidando a súa proxección como unha das maiores promesas do atletismo baixomiñoto.
Considerado un atleta canón e versátil en multitude de probas de medio fondo e fondo, Álex non se detén ante ningún obstáculo e segue construíndo a pulso o seu verdadeiro status atlético, con paciencia e pasos firmes, evitando calquera lesión que poida frear o seu brillante camiño.
"Moitas felicidades por este magnífico resultado", transmiténlle a Álex Sierpes desde o club Vicky Foods Athletics.
A seguir con orgullo e perseveranza, traendo moitos éxitos para o deporte do noso pobo.
.jpg)



Ningún comentario:
Publicar un comentario