A Deputación levará o ciclo +Escénicas a Tui cun espectáculo de clown sobre o Quixote
• O espectáculo “Quixote”, a cargo da compañía Pedras de Cartón, representarase o martes, 21 de outubro, ás 11:00 horas, no Teatro municipal
Infogauda / Tui
A Deputación de Pontevedra vai levar este martes 21 de outubro o circuíto +Escénicas ao concello de Tui, da man dun espectáculo de clown sobre o Quixote a cargo da compañía Pedras de Cartón. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Quixote" representarase no Teatro municipal a partir das 11:00 horas e está pensada para o público infantil. Esta peza de teatro recupera o texto de Cervantes para contalo en clave de comedia. Cunha estética inspirada no pallaso clásico, moi ao estilo Fellini e en clave de clown, traballa as escenas máis icónicas da novela como a relación antagónica entre Don Quixote e o seu fiel escudeiro Sancho. Unha proposta case sen palabras, que encherá de humor o teatro de Tui.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario