A XUNTA DE GALICIA INVISTE 120.000 EUROS NA MELLORA DO TRATAMENTO DOS RESIDUOS DE COMPETENCIA MUNICIPAL DO CONCELLO DE TUI
• O concello adquirirá grazas a esta achega novos contedores para o punto limpo municipal, ademais de dous novos puntos limpos móbiles
• Esta liña de axudas beneficiou a un total de 24 concellos da provincia de Pontevedra, tres deles da comarca do Baixo Miño
• O total investido na provincia supera os 900.000 euros
Infogauda / Tui
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o punto limpo do concello de Tui, que foi un dos beneficiados polas axudas da Xunta a entidades locais para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal.
Así, o concello de Tui recibiu un total de máis de 120.000 euros repartidos en dúas liñas de actuación. Como parte da liña destinada á adquisición de puntos limpos móbiles, o concello recibiu 81.000 euros cos que xa licitou a adquisición de dous destes puntos limpos que se colocarán de forma rotativa polas distintas parroquias.
Por outra banda, a través da liña destinada a melloras nos puntos limpos fixos, o concello recibiu preto de 41.000 euros que destinou á adquisición de novos grandes contedores de almacenamento.
O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar o compromiso da Xunta cun tratamento responsable dos residuos e asegurou que “a administración autonómica estará sempre disposta a colaborar cos concellos nesta área porque entendemos que é unha prioridade que afecta directamente á calidade de vida dos galegos e galegas”.
Cabe destacar que estas axudas beneficiaron a un total de 24 concellos da provincia de Pontevedra por valor de máis de 900.000 euros. Na comarca do Baixo Miño foron tres os concellos beneficiados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario