11 de out. de 2025

TUI

A Deputación vai levar a Tui o ciclo +Escénicas, cun espectáculo de monicreques 

 O espectáculo “A Teteira de Kabul” representarase o vindeiro martes,  ás 11:00 horas, no Auditorio municipal, a cargo da compañía de teatro Xarope Tulú 


 "A Teteira de Kabul" 
Foto: D.PO.

Infogauda / Tui

 A Deputación de Pontevedra vai levar este martes 14 de outubro, ao concello de Tui, o circuíto +Escénicas, da man dunha espectáculo de monicreques a cargo da compañía Xarope Tulú. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.  

 "A Teteira de Kabul" representarase no Auditorio municipal a partir das 11:00 horas, e está pensado para o público infantil. Esta nova proposta de Xarope Tulú, en coprodución coa ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz, está baseada no conto homónimo de Carolina Pujadas e fala das vivencias das persoas que se ven na obriga de abandonar o seu fogar. A súa protagonista está inspirada na vida da escritora afgá Nadia Ghulam e a poética dos monicreques permite viaxar a outros lugares e contar a historia desde unha perspectiva construtiva e alentadora. A peza foi finalista a mellor proposta de monicreques nos Premios María Casares 2024.  

 Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario