A Xunta de Galicia salienta que o contador automático de peixes instalado no Ulla xa está subministrando datos clave para a conservación das poboacións migradoras do río
• Tras incidir en que se trata dun sistema de control único na Península Ibérica, Ángeles Vázquez explica que combina tecnoloxía de escaneo e vídeo ademais de permitir a monitoraxe vía web de todos os exemplares que pasan pola escala
Infogauda / Teo (A Coruña)
Cinco meses despois da súa posta en funcionamento, o contador automático de peixes instalado pola Xunta na escala da presa do Xirimbao, no río Ulla, xa está subministrando os primeiros datos de interese para afondar no coñecemento e garantir a conservación das poboacións de especies migradoras que circulan por este punto.
Así o destacou hoxe en Teo a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que visitou precisamente a zona na que está instalado o contador, cun investimento de 219.489 euros financiados con fondos europeos no marco do proxecto Mil Ríos e cuxas obras incluíron tamén a execución doutras actuacións na escala de peixes do Xirimbao para permitir o seu funcionamento como estación de captura.
Tras incidir en que o dispositivo instalado é un sistema único en toda a Península Ibérica, a responsable autonómica explicou que a súa principal característica é que combina tecnoloxía de escaneo e vídeo o que permite facer un seguimento e control vía web de todos os individuos que pasan por este punto.
De feito, os peixes contabilízanse en ambas direccións do río, rexistrándose datos de temperatura e tamaño que, xunto coas imaxes gravadas, se almacenan de forma segura na nube para poder acceder a eles e mesmo editalos cando sexa necesario.
Desde a entrada en funcionamento do novo contador automático, a comezos do pasado mes de maio, xa se contabilizaron 1.950 exemplares ao seu paso pola escala da presa do Xirimbao. Por especies, as máis abundantes son, por orde, a boga ou escalo (894 individuos rexistrados), o reo (621), a zamborca (298) ou a troita residente (124).
Todos estes rexistros —de momento, de carácter provisional— demostran as múltiples posibilidades que pode ofrecer o novo sistema de control no Ulla. En todo caso, será necesario dispoñer de datos anuais completos para extraer as primeiras conclusións e mesmo establecer comparacións coa información que recolle a estación de Ximonde (Vedra), tamén no río Ulla e que leva funcionando desde o ano 1993.
Por exemplo, permitirá estudar con máis detalle e precisión o comportamento dos peixes migradores que seguen esta ruta, o que permitirá confirmar coñecementos xa adquiridos previamente e á vez, obter datos novos sobre os períodos de maior movemento, as épocas de reprodución ou a evolución das poboacións de certas especies en función do número de individuos que se desprazan.
Pulo á area recreativa do Xirimbao
Nos últimos tres anos a Xunta vén realizando un importante esforzo investidor para a posta en valor e mellora da área recreativa do Xirimbao, en Teo, localizada entre a ponte colgante e a presa do Couso, na marxe dereita do río Ulla. En total, as actuacións de mellora e rehabilitación executadas suman un investimento de case 500.000 euros.
O espazo recreativo do Xirimbao, unha finca de case 1 hectárea propiedade da Xunta, é unha zona tradicionalmente utilizada para desfrute dos pescadores de Couso pero tamén polo cidadanía que se achega ata esta parte do Ulla, atraída principalmente pola ponte colgante que cruza o río e conecta os concellos de Teo e A Estrada.
Neste sentido, cómpre destacar os máis de 160.000 euros investidos en diversas accións de mellora da vexetación de ribeira e eliminación de especies exóticas invasoras na contorna do Ulla e na obra de reparación e mantemento do edificio do refuxio de pescadores do couto de Couso.
Ademais, entre os anos 2022 e 2024, no marco tamén do proxecto Mil Ríos financiado co NextGenerationUE, desenvolvéronse varias accións de mellora na ribeira do río, incluíndo a eliminación da especie invasora Robinia pseudoacacia e de plantas ornamentais coñecidas como tuyas, tanto dentro como fóra da finca do Xirimbao.
Así mesmo, no marco das actuacións de mellora e mantemento en pontes colgantes programadas polo departamento autonómico para este ano en varios puntos de Galicia, a pasarela do Xirimbao tamén foi obxecto dunha actuación integral de recuperación, cun investimento de 111.650 euros e cuxos traballos se completaron este mesmo verán.
Ningún comentario:
Publicar un comentario