AS SOCIALISTAS DE TOMIÑO DENUNCIAN O NULO INVESTIMENTO DA XUNTA DE GALICIA EN TOMIÑO
Infogauda / Tomiño
O Grupo Municipal socialista de Tomiño denuncia publicamente que nos Orzamentos Xerais territorializados da Xunta de Galicia o investimento para Tomiño é de cero euros e manifestan que por moito que queiran disfrazar ese maltrato ao noso Concello con partidas xenéricas, iso solo é fume, pois o que non consta no documento orzamentario territorializado, non existe.
Consideran unha burla a todos e todas as tomiñesas que a ampliación do IES Antonio Alonso Ríos non conte cun un so euro para acometela. Ampliación prometida na campaña electoral do 2019 polo Xefe Territorial de Educación, César Pérez Ares, e anunciado o inicio para o ano 2022, logo no 2023 e finalmente para o curso 2025/26, pero que sigue no limbo e pon en evidencia que para o PP a calidade dos equipamentos educativos, o benestar da nosa mocidade, e a educación en xeral, non son unha prioridade.
Para o saneamento, outra das maiores necesidades que demanda a cidadanía de Tomiño, exactamente igual, nin un so euro para o colector xeral de Sobrada nin para ampliación da capacidade da depuradora, actuacións que as concelleiras socialistas consideran imprescindibles.
Critican que nin sequera a grave praga de moscas que está a sufrir o noso concello sexa tida en conta nestes orzamentos. Un desprezo absoluto á cidadanía tomiñesa que padece esta praga e que tanto lles está afectando ó seu benestar e a súa saúde, tanto física como mental.
As socialistas lembran que ano tras ano emendan os orzamentos xerais da Xunta de Galicia e para 2026 reclaman o que consideran urxente e prioritario como en medio ambiente o colector xeral e a ampliación de depuradora. En mobilidade, a urbanización da estrada PO-344 Forcadela-Couso; a construción de beirarrúas e mellora da seguridade vial e peonil nos lugares de Barro, Hospital e San Salvador de Tebra.
En educación, a ampliación do IES Antón Alonso Ríos e o acondicionamento e rehabilitación dos espazos no CEP Pintor Antonio Fernández.
En sanidade a construción do voadizo no acceso do Centro de Saúde e a gratuidade no aparcamento público do hospital Álvaro Cunqueiro.
Un Centro de Información á Muller e a ampliación do servizo de Atención Temperá en Política Social e Xuventude.
O remate, dunha vez por todas, do proceso de concentración parcelaria Estás-Figueiró-Goián e un plan de evaluación e intervención para o control da praga de moscas, son entre outras, as emendas rexistradas e esiximos ao Goberno do PP da Xunta de Galicia que as teña en conta e que non sigan maltratando a Tomiño nos investimentos que nos pertencen.
“Temos que lembrar que a actual presidenta do Partido Popular en Tomiño, Lara Meneses, forma parte dese Goberno, polo que pedímoslle que defenda ó seu concello e que solicite a rectificación do orzamento xeral 2026 para que non sigan desprezando e maltratando á veciñanza tomiñesa”, manifesta a voceira socialista, Violeta de Santiago.

Ningún comentario:
Publicar un comentario