17 de out. de 2025

TOMIÑO

O comercio de Tomiño vístese coas cores do outono  

 Nova campaña de dinamización do comercio local  




Gonzalo Lomba / Tomiño

 O outono chega pouco a pouco e as súas cores inundan a nosa paisaxe, as rúas e tamén os negocios das nosas vilas. En Tomiño, o comercio local vístese de outono para unha nova campaña que premiará a fidelidade dos clientes.  

 As cores do outono, que así se chama a campaña cofinanciada pola Xunta de Galicia, propón un xogo aos clientes habituais do comercio tomiñés:  Ata o 29 de outubro polas súas compras recibirán unha pegatina dunha determinada cor e un cartón con espazo para tres destas pegatinas. Aqueles que consigan tres cores distintas terán premio.  

 As 50 primeiras persoas que o consigan e presenten o seu cartón nas oficinas de ADETO (de luns a venres en horario de mañá) recibirán un premio directo e ademais, entre todos os cartóns entregados ser sorteará un vale de 50€ para mercar no comercio asociado.  

 Esta nova campaña enmarcase no plan de dinamización do comercio local de ADETO e busca animar aos veciños de Tomiño e arredores a mercar no comercio local e participar activamente na vida da vila.

Ningún comentario:

Publicar un comentario