31 de out. de 2025

PONTEVEDRA

O BNG critica a deriva do PP na Deputación por non apostar no orzamento de 2026 pola loita contra a violencia machista 

 O grupo nacionalista presentou unha moción polo 25N e afeou que os fondos do departamento de Igualdade baixan cada ano con respecto ao total dos investimentos provinciais  

 “Non é unha prioridade para vostedes”, subliña a deputada Manuela Rodríguez 


Manuela Rodríguez, deputada do BNG na Deputación de Pontevedra

 Infogauda / Pontevedra

 O BNG criticou hoxe a deriva do PP na Deputación por non apostar orzamentariamente pola loita contra a violencia machista. O grupo nacionalista, tras presentar unha moción reclamando a necesidade de incrementar os recursos públicos nesta materia -que foi rexeitada polo Partido Popular-, afeou ao goberno provincial que os fondos do departamento de Igualdade baixan cada ano. “Non é unha prioridade para vostedes. As cifran amosan o que é importante para esta Deputación”, subliñou a deputada Manuela Rodríguez, destacando que dos máis de 2.1 millóns de euros investidos en Igualdade en 2023, cun 1.17% do orzamento total, o investimento absoluto para 2026 non vai chegar nin aos 1,8 millóns, deixando a porcentaxe na cifra máis baixa dos últimos anos, un escaso 0,75% do total dos fondos dispoñibles pola administración provincial.  

 O BNG subliñou que a violencia machista é unha realidade incuestionable e un problema de dereitos humanos, polo que é necesario que as institucións dediquen máis recursos. Rodríguez lembrou que ano tras ano, as cifras -con mulleres concretas detrás- son cada vez máis arrepiantes, poñendo sobre a mesa que hai 1.920 mulleres (14 delas menores de idade) baixo o Sistema de Seguimento Integral nos Casos de Violencia de Xénero (VioGén), o que supón un incremento de case un 13% máis con respecto ao mesmo período do ano pasado.  

 Denunciou tamén que, segundo datos da Fiscalía Xeral, Pontevedra é a provincia máis lenta de todo o Estado en avaliar ás vítimas, con atrasos de ata 14 meses para emitir informes imprescindibles para fundamentar sentenzas. A provincia, subliñou, tampouco conta co necesario e prometido xulgado específico de violencia sobre a muller para a demarcación de Pontevedra.  

 No que atinxe ao ámbito galego, Rodríguez destacou que a día de hoxe non está garantida a atención psicolóxica na Atención Primaria; as axudas económicas son aínda menores ás aprobadas hai case dúas décadas e non recollen o medre da carestía da vida; non existe unha axuda periódica que inclúa ás vítimas de violencia sexual; non se garante a formación especializada das e dos profesionais que traballan na cadea de atención á violencia machista; o ámbito xudicial segue arrastrando unha enorme revitimización; falta financiamento e persoal para os CIM e, en ámbitos estratéxicos como o ensino público, non hai un verdadeiro plan de educación afectivo-sexual, eliminouse a materia de igualdade e o Partido Popular intenta impoñer mecanismos de control ideolóxico para restar espazo ás iniciativas feministas de profesorado e estudantado. 

 Subliñou tamén que os centros de acollida para vítimas de violencia son entidades municipais ou propiedade de entidades privadas e que no ano 2024 a Xunta privatizou os centros de crise 24 horas para a atención da violencia sexual.  

 Por todo o exposto, o grupo provincial do BNG propuxo reforzar e potenciar a área de Igualdade na Deputación, revertendo a redución de orzamento de anos anteriores para promover máis políticas de promoción da igualdade e o desenvolvemento de iniciativas de loita contra a violencia machista.  

 Tamén subliñou a necesidade de que a Xunta atenda  as recomendacións e deficiencias sinaladas polo Consello de Contas no seu Informe de fiscalización das actuacións para a prevención integral da violencia de xénero na Comunidade Autónoma no período comprendido entre 2018 e 2022. Singularmente, pautar o incremento de persoal, o incremento do orzamento destinado a prevención e sensibilización, a planificación dos procesos de contratación e subvencións con publicidade e concorrencia e a aprobación dun plan estratéxico específico para a loita contra a violencia machista. 

 Outra das reclamacións foi impulsar un novo marco regulamentario e orzamentario, incrementando a súa contribución, para os Centros de Información á Muller co obxectivo de reforzar e ampliar a rede galega de CIM’s facendo especial énfase na creación destes centros naqueles concellos e comarcas nos que actualmente non existen ou están sobrecargados, impulsar a fixación de rateos mínimas de persoal e favorecer a contratación a xornada completa, como mínimo, de todo o persoal que sexa obrigatorio para a acreditación do CIM. Tamén se solicitou devolver ao sistema público os centros de crise 24 horas para a atención de mulleres vítimas de violencia sexual e blindar a prestación deste servizo con cadros de persoal suficientes para garantir a atención presencial, así como aprobar, para a súa posta en marcha no ano 2026, unha axuda periódica específica para vítimas de violencia sexual. 

 Finalmente, instou ao goberno do Estado a creación do xulgado específico de violencia sobre a muller en Pontevedra para garantir que todas as mulleres en situación de violencia teñan acceso a unha xustiza especializada e próxima, sen diferenzas territoriais, tal como foi recollido no acordo de investidura. 

 De cara ao vindeiro 25N, o Bloque subliñou  a necesidade denunciar o negacionismo da violencia machista como unha forma de violencia machista e reafirmar o seu compromiso co reforzo dos servizos públicos e o aumento dos recursos do sistema de protección e atención ás vítimas e animou á cidadanía do conxunto dos concellos da provincia a secundar as mobilizacións do movemento feminista galego polo 25N.

Ningún comentario:

Publicar un comentario