31 de out. de 2025

BUEU

A unidade de reparto de Correos en Bueu mobilízase para denunciar a falta de persoal 

 A empresa pública non cubre as ausencias, tendo que asumir habitualmente dúas ou tres persoas o traballo de sete 


As carteiras e carteiros desta localidade morracense contaron na súa acción reivindicativa co apoio da CIG-Correos e coa presenza de membros do Goberno local, entre eles o propio alcalde, o nacionalista Félix Juncal

Foto: CIG

Infogauda / Bueu

 O persoal da Unidade de Reparto de Correos en Bueu levou a cabo este mediodía unha concentración diante da oficina para denunciar a falta de efectivos, xa que a empresa pública non cubre as ausencias, sexa por permisos e licenzas, sexa por baixas por incapacidade temporal. Isto está a provocar que entre dúas e tres persoas traballadoras teñan que asumir a labor que normalmente desenvolvían sete. 

 As carteiras e carteiros desta localidade morracense contaron na súa acción reivindicativa co apoio da CIG-Correos e coa presenza de membros do Goberno local, entre eles o propio alcalde, o nacionalista Félix Juncal. Con esta mobilización queren darlle visibilidade á precariedade coa que teñen que realizar as súas tarefas de reparto como consecuencia dunha falta de persoal que padecen no seu centro de traballo dende hai tempo. 

 Até o punto de que no canto das sete persoas traballadoras que terían que prestar servizo o habitual é que haxa dispoñíbeis dúas ou tres, xa que non se cobren as ausencias, tanto por permisos e licenzas como por incapacidades temporais ou vacante, tendo que asumir a sobrecarga de traballo o persoal restante. “Isto provoca un grao de presión extrema que está a disparar os niveis de estrés e de ansiedade nun cadro de persoal esgotado e insuficiente”, indican desde CIG-Correos

 Ao mesmo tempo, sinalan que esta situación fai que diariamente queden sen entregar un número importante de envíos postais e que se acumulen as notificacións na unidade, “algo que se agrava pola escaseza de persoal tamén noutras unidades de reparto, como a de Cangas, da que dependen administrativamente as persoas empregadas da quenda de tarde que prestan o servizo en Bueu”. 

 Polo que lle reclaman a Correos a que escoite as súas demandas e dote a unidade do persoal suficiente para realizar as tarefas de reparto diario que teñen encomendadas “nunhas condicións de traballo dignas”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario