Luis López anuncia que +Emprega permitirá que máis de 70 mozos da provincia teñan unha primeira experiencia laboral en 33 concellos da provincia
• O presidente da Deputación sinalou que os contratos formativos terán unha duración dun ano a partir do 15 de xaneiro de 2026, cun investimento provincial de 1,1 millóns de euros
Infogauda / Pontevedra
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que a Xunta de Goberno acaba de aprobar a relación de concellos da provincia que se beneficiarán do proxecto +Emprega nos Concellos. Grazas a un investimento de 1,1 millóns de euros da institución provincial, “un total de 72 mozos desempregados da provincia poderán ter unha primeira experiencia laboral na modalidade de contratos formativos, dun ano de duración, e comezando a partir do 15 de xaneiro de 2026”, sinalou o presidente provincial, que valorou que a través deste programa “seguimos sumando e avanzando con proxectos para fomentar o emprego, mellorar a calidade de vida da veciñanza e facer que Pontevedra siga indo a máis”.
Luis López tamén lembrou que “os contratos terán contías que oscilan entre os 1.000 € das persoas con ciclos medios de formación profesional ata os 1.400 € das persoas licenciadas”, pasando polos 1.200 € que recibirán os graduados en ciclos superiores de FP. Dos 72 contratos solicitados dous correspóndense con ciclos medios de FP, 26 con ciclos superiores de FP e outros 44 con licenciaturas, graos ou diplomaturas.
En concreto, os concellos nos que se realizarán estas contratacións serán os seguintes: un contrato en Barro, Covelo, Crecente, Mondariz-Balneario, Portas, Rodeiro e Vila de Cruces (por ter menos de 3.000 habitantes), dous contratos na Cañiza, Caldas de Reis, Catoira, A Illa de Arousa, Meaño, Moraña, O Rosal, Redondela, Ribadumia, Silleda, Soutomaior, Valga e Vilaboa (por ter entre 3.000 e 10.000 habitantes), e tres contratos en Bueu, Cangas do Morrazo, A Guarda, Marín, Moaña, O Porriño, Pontearas, Salvaterra do Miño, Sanxenxo, Tomiño, Vilagarcía e Vilanova de Arousa (por ter entre 10.000 e 50.000 habitantes).
O programa +Emprega nos Concellos ten como obxectivo promover a inclusión social e a creación de emprego de calidade, así como o fomento da empregabilidade da cidadanía pontevedresa, dotando os mozos e mozas da provincia dunha primeira experiencia profesional mediante un contrato de traballo formativo de ata un ano de duración a tempo completo. A través desta experiencia búscase que adquiran competencias e habilidades tanto sociais como profesionais, ademais de romper a barreira que ten a mocidade para acceder a postos cualificados por falta de experiencia.

Ningún comentario:
Publicar un comentario