O Concello de Ponteareas insiste en criminalizar a loita do persoal do SAF mentres elude as súas responsabilidades no servizo
• O PP intensifica a súa campaña de intoxicación contra as traballadoras e a central sindical, e a empresa Óbolo segue sen corrixir as irregularidades
Infogauda / Ponteareas
A CIG lamenta que o Goberno local de Ponteareas opte por seguir criminalizando a loita das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) no canto de asumir a súa responsabilidade no servizo obrigando a empresa a corrixir as irregularidades denunciadas polo persoal e que motivaron a folga indefinida iniciada xa hai 36 días.
A central sindical indica que nos últimos días, ademais, tras o éxito das mobilizacións e o cada vez maior apoio social que están a recibir as afectadas, o Partido Popular intensificou a súa campaña de intoxicación contra as empregadas do SAF e contra a central sindical tanto mediante comunicados dende o propio Concello como a través das redes sociais da formación conservadora.
“Mais en todo este tempo o Executivo de Nava Castro non dixo nun unha soa palabra sobre a falta de control e seguimento do servizo nin fixo unha soa declaración en contra da concesionaria, a pesar de que xa ten constatado que cometeu até sete faltas, unha moi grave, cinco graves e outra leve”, sinalan dende a CIG. A pesar desas irregularidades, o Concello limitouse a levar ao pleno municipal unha proposta de expediente de sanción de apenas 22.000 euros, “cando leva aportado ao servizo neste mes de folga material e medios persoais que pode ser que superen esa cantidade”.
Pola súa banda, a concesionaria Óbolo continúa coa súa estratexia de atrasar a negociación, condenando as traballadoras a máis dun mes de folga. Polo que foron elas as que solicitaron a mediación da Xunta hai 12 días, “mediación que está a ser demorada pola propia compañía, que a día de hoxe aínda non ten solucionado cuestións tan importantes como a aportación do xustificante de ter corrixido a cotización das nóminas de xullo e agosto; o resumo das horas traballadas dos dous trimestres; e o prezo das horas extraordinarias e ordinarias”. Ao mesmo tempo, lembran que unha das traballadoras do servizo leva sen cobrar dende o mes de agosto.
Finalmente, queren deixar moi claro que as compañeiras do SAF que secundan a folga están a realizar servizos mínimos “atendendo con total responsabilidade as persoas usuarias de Ponteareas a pesar de que as causas que motivaron o conflito son totalmente alleas á súa vontade”. E reiteran que non están a reclamar ningunha cuestión máis alá do cumprimento da normativa laboral vixente e das condicións do contrato de licitación.
-ade4db5d.jpeg)
Ningún comentario:
Publicar un comentario