Inauguración da nova depuradora da Moscadeira e colectores de Ponteareas cun investimento de 15 millóns, cofinanciados con fondos FEDER
• Nun acto no que participaron o subdelegado do Goberno en Pontevedra, a presidenta de ACUAES, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o subdirector de xestión de infraestruturas de Augas de Galicia e a alcaldesa de Ponteareas
• A actuación permite eliminar as verteduras incontroladas ao río Tea e garante o saneamento para o crecemento sostible de poboación proxectado na zona
• A nova depuradora presta servizo ao núcleo central de Ponteareas e ás zonas de Xinzo, Arnoso e Angoares e ten capacidade para 22.522 habitantes equivalentes
• “Sen a contribución decisiva dos fondos europeos resultaría complicado avanzar no desenvolvemento destas infraestruturas”, destacou a presidenta de ACUAES
Foto: S. do G.
Infogauda / Ponteareas
A presidenta da sociedade mercantil estatal, Mª Rosa Cobo, acompañada polo subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada; a alcaldesa, Nava Castro; e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Jose Antonio Quiroga, inauguraron en Ponteareas a nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Moscadeira e colectores, infraestruturas moi esperadas que poñen fin ás verteduras incontroladas ao río Tea e garanten o saneamento para o crecemento sostible de poboación proxectado na zona nun horizonte de 25 anos.
Ao acto asistiu o subdirector de xestión e execución de infraestruturas hidráulicas de Augas de Galicia, Agustín Hernández, ademais de numerosos veciños e asociacións, que foron convidados para comprobar in situ o alcance do proxecto, así como o apoio que para a súa realización supuxeron os fondos europeos FEDER.
A actuación enmárcase no convenio subscrito en xaneiro de 2022 entre ACUAES, a entón Conselleria de Infraestruturas e Movilidad da Xunta de Galicia e o Concello de Ponteareas, co obxectivo de remodelar completamente a antiga depuradora e colectores e eliminar as verteduras contaminantes ao río Tea.
En virtude do devandito acordo executáronse as obras da depuradora e colectores, actuacións que melloran a calidade de vida dos cidadáns, ao reducir o risco de enfermidades, evitando posibles contaminacións en zonas de baño e protexendo a saúde pública. Ademais, contribúen á conservación do río Tea, eliminando os aliviadoiros do colector de Canedo, augas arriba da N-120, e os do colector sur na zona do arroio de Pedra da Auga.
A nova depuradora presta servizo ao núcleo central de Ponteareas e as zonas de Xinzo, Arnoso e Angoares e ten capacidade para 22.522 habitantes equivalentes.
As obras na EDAR consistiron na execución dunha nova obra de chegada e pretratamiento, que consta de desbaste de grosos, pozo de bombeo, tamizado de finos e desarenado.
Executouse unha nova liña de depuración, conformada por reactor biolóxico, decantador secundario e desinfección mediante luz ultravioleta, e procedeuse á rehabilitación da actual liña de depuración, reutilizando a obra civil do decantador e biolóxico existentes e renovando os seus equipos.
Igualmente construíuse unha nova liña de tratamento de lodos, novas oficinas de control, taller, vestiarios, sala de soplantes, liña de desodorización, grupo electróxeno, sala de cadros eléctricos e resto de instalacións auxiliares necesarias.
O proxecto incluíu o control de cheiros e ruídos, reducindo a afección de ambas as emisións na contorna da planta.
Por petición do Concello procedeuse á adecuación dos viais de acceso á EDAR, que se aglomeraron na súa totalidade.
Xunto á depuradora construíronse os colectores Norte, de 956 metros, e Sur, de 2.101 metros, respectivamente, e rehabilitouse o tramo do Colector Interceptor do Río Xinzo de 480 metros de lonxitude que se atopaba parcialmente colmatado e con infiltracións de auga, incorporando un novo pozo de bombeo ata a EDAR.
A actuación supuxo un investimento de 15 millóns, cofinanciados nun 50% con fondos FEDER do tramo estatal correspondentes ao Programa Operativo Plurirregional de España 2014-2020 e 2021-2027. A Conselleria de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia achegou 2,3 millóns e o resto anticipouse por ACUAES e será recuperado do Concello en 25 anos.
Durante a súa intervención, a presidenta de ACUAES destacou a contribución decisiva dos fondos FEDER no desenvolvemento da actuación. “Sen a súa axuda resultaría complicado construír estas infraestruturas, que representan un dos asuntos máis perentorios en materia de auga e un grave problema ambiental”, afirmou.
O subdelegado do Goberno, Abel Losada, afirmou que esta obra demostra a importancia dos fondos europeos “e do traballo dun presidente do Goberno ao que chamaron pedigüeño por pelexar duro para que os fondos europeos chegasen a España”. Ademais lembrou que as actuacións de saneamento máis importantes “de longo” que se están executando na provincia de Pontevedra están licitadas por ACUAES e, por tanto, levan o selo do Goberno de España, como son esta depuradora da Moscadeira (Ponteareas), a de Sanxenxo-Poio para completar a depuración na ría de Pontevedra e a da Illa de Arousa, a principal actuación en marcha estoutra ría.

Ningún comentario:
Publicar un comentario