Carril: “Imos levar a loita do persoal do SAF de Ponteareas até as últimas consecuencias para dignificar as súas condicións laborais"
• As traballadoras, que acumulan xa 34 días de folga, abandonaron o peche que mantiveron toda a noite no Concello para esixir a rescisión do contrato
Infogauda / Ponteareas
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que hoxe compareceu diante dos medios de comunicación xunto ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Ponteareas, anunciou que a central sindical vai levar “até as últimas consecuencias” a loita para mellorar as condicións de traballo do persoal que presta este servizo municipal. O máximo responsábel da central, que pasou a noite no interior do Concello coas empregadas do SAF e con outros representantes sindicais para esixir a rescisión do contrato coa empresa concesionaria, instou o Goberno local a garantir unhas condicións laborais e de atención dignas no SAF.
As declaracións de Carril producíronse ás 10:30 horas, nada máis abandonar o encerro iniciado onte coincidindo coa celebración do pleno municipal no que se aprobou a apertura dun expediente sancionador a Óbolo, a empresa concesionaria, tras constatarse numerosas irregularidades, mais no que non se abordou a rescisión de contrato que veñen reclamando as afectadas dende agosto.
“O que sucedeu no pleno foi a constatación do grao de crueldade e de insensibilidade coa que atúa o Partido Popular, goberne onde goberne, ao querer impoñer un sistema cada vez máis precarizador e excravizador coas traballadoras do SAF, e polo tanto un peor servizo público para as persoas usuarias”, denunciou o secretario xeral da CIG.
E criticou que para o PP segue a ser unha “oportunidade de negocio” ter a atención á dependencia e os coidados en mans privadas, “sen importarlle que se denigre e se maltrate as mulleres traballadoras que prestan o servizo e tendo pitbulls como esta alcaldesa para garantir ese sistema; pero nós estamos para rachar con iso, e vainos a dignidade nesta loita”. Unha loita ademais que -lembrou- estase a dar nun contexto de folgas e de mobilizacións do persoal do sector de coidados (residencias de maiores e centros de día privados e SAF) para reclamar uns convenios colectivos dignos.
Ao mesmo tempo, fixo fincapé en que coa participación dos máximos responsábeis sindicais -xunto ao secretario xeral estaban tamén o secretario nacional da CIG-Servizos, Carlos Alján, e o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, ademais doutros representantes da central- a CIG quere lanzar unha mensaxe moi clara: “está disposta a levar até as últimas consecuencias a resistencia neste conflito para conseguir o principal obxectivo, a mellora das condicións de traballo do persoal do SAF, que nunha “loita heroica” están a dignificar a súa profesión e a trasladar esa dignidade ao conxunto da sociedade; de feito, nunca antes tivo tanta dignidade este salón de plenos como co acontecido esta noite con este peche”.
Criminalización da loita
Carril insistiu en que o Concello ten que facer valer a súa responsabilidade e extinguir o contrato coa empresa para garantir un servizo público en condicións dignas para as persoas usuarias e para unhas traballadoras “que levan 34 días en folga e van estar todos os que fagan falta, porque para nós resistir é vencer”.
Neste senso, acusou o Goberno local de “temeridade” ao manter un servizo cuns prezos de licitación que son incompatíbeis cunhas condicións laborais dignas. “A única explicación que ten que non rescindan o contrato é o modelo no que cre o PP; e que para defendelo están a intentar criminalizar a xusta loita das traballadoras con todo tipo de intoxicacións, cando o único sentido que ten esta loita é mellorar as condicións de traballo para poder prestar un servizo de calidade”.
Con todo, considera que na pleno de onte xa se visualizou que a “prepotencia” que caracterizou os responsábeis municipais até o de agora “vai indo a menos, polo que está claro que a capacidade de resistencia das traballadoras está a afectarlles”.
Ademais da “obsesión” do PP por manter un sistema “precarizador e escravizante” que permita lucrarse economicamente ás empresas privadas que xestionan estes servizos sociais, Carril apuntou a posibilidade de que existan “intereses doutro tipo”. Neste senso, citou as informacións que relacionan o máximo responsábel da empresa concesionaria do SAF de Ponteareas con familiares de ex cargos do Partido Popular na provincia de Huelva. “Xa sabemos que onde hai negocio e onde hai corrupción adoita estar o PP, que é especialista”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario