27 de out. de 2025

OIA

Un proxecto estratéxico do Concello de Oia dará nova vida ao antigo Cámping Pedra Rubia 

 Cun orzamento de 1,41 millóns de euros


Croquis da nova área recreativa, que será un referente de lecer e convivencia, nun punto estratéxico do Camiño de Santiago
Fonte: C.O.

Infogauda / Oia 

 O Concello de Oia avanza con decisión na execución de proxectos estratéxicos que apostan por un desenvolvemento sostible, respectuoso coa contorna e orientados a recuperar espazos de alto valor para o uso público, coa transformación do antigo Cámping Pedra Rubia, en Mougás, nun gran parque público. Esta ambiciosa actuación, actualmente en fase de execución, pretende recuperar espazos de alto valor ambiental e patrimonial e poñelos ao servizo da veciñanza, dos visitantes e dos peregrinos.  

 O proxecto está a converter unha parcela que fora privada nun espazo público accesible, multifuncional e respectuoso coa contorna. Situado á beira do mar, na zona do Aguncheiro —un enclave de gran riqueza paisaxística e histórica—, a nova área recreativa será un referente de lecer e convivencia, nun punto estratéxico do Camiño de Santiago onde se conservan vestixios de salinas romanas. Precisamente, a presenza destes restos arqueolóxicos condiciona o desenvolvemento da actuación, que poderá experimentar adaptacións técnicas en función das indicacións dos organismos competentes en patrimonio.  

 A alcaldesa, Cristina Correa, subliña a relevancia desta intervención: “Recuperamos un espazo privilexiado para o uso público, respectando a súa identidade e potenciando o seu valor paisaxístico e patrimonial”, manifesta. Cun orzamento de 1,41 millóns de euros, o Concello de Oia demostra a capacidade de xestión ao artellar o financiamento a través de dúas vías complementarias: o Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD), enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, e o Plan Extra 2024 da Deputación de Pontevedra. Esta combinación de recursos evidencia o compromiso municipal por atraer investimentos e executar proxectos de calidade.    

Un espazo pensado para o benestar e a natureza  

 Baixo a dirección da recoñecida arquitecta e paisaxista María Fandiño Iglesias, o deseño do parque aposta pola integración paisaxística, a accesibilidade universal e a creación de zonas de uso diverso. Entre os principais equipamentos previstos destacan: 

Piscina e solarium.

Área de fontes de chan. 

Espazos infantís de lecer. 

Pista polideportiva. 

Aparcadoiro, bar, aseos e merendeiros. 

Itinerarios accesibles que vertebran todo o recinto.  

 Ademais destas dotacións, o Concello promove accións de renaturalización para recuperar a flora autóctona, mediante a creación de pradeiras atlánticas, áreas arbustivas e taludes vexetados, reforzando así o valor ecolóxico do espazo.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario