25 de out. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Guardés non ten teito e arrebata o trunfo ao invicto Málaga (23-24) 

O Mecalia loitou ata o final este sábado para levar os dous puntos na pista do Costa do Sol Málaga, decidindo un encontro axustado grazas a unha xogada perfecta nos segundos finais 

Destacou especialmente Elena Martínez, con seis goles dos cales catro foron desde os sete metros (100%), aínda que marcaron case todas as xogadoras que saíron á pista. Amandine Balzinc tamén brillou e foi vital unha vez máis baixo paus 

A vitoria mantén ao Guardés invicto e afianzado no segundo posto, empatado cun Bera Bera que tampouco falla 


María Palomo lanzando o balón sobre á porta de Mercedes Castellanos
Foto: M.A.G.

Redacción Deportes / Málaga

 O Mecalia Atlético Guardés non ten teito. As de Ana Seabra golpearon unha vez máis este sábado en Málaga, levándose un partido moi disputado grazas a unha xogada perfectamente executada nos últimos segundos (23-24). O encontro mantívose igualado en case todo momento, sen ningún dos dous equipos afastándose demasiado no resultado, pero marcado por cambios de ritmo nos que pareceu que todo podía cambiar dun momento a outro. As achegas de María Sancha, con sete goles, Ceci Cacheda e Lorena Téllez foron cruciais para levantar o ataque do equipo baixomiñoto, acompañado por unha Balzinc que volveu brillar baixo paus. A vitoria mantén ao Guardés invicto, condición que perde Málaga, e afianzado no segundo posto, pero aínda por baixo dun Bera Bera que non claudicó esta xornada ante Granollers (27-22).  

 O partido comezou cunha gran tensión desde os primeiros compases. O primeiro gol chegou da man dunha Isa Medeiros que enganou a Sabina Mínguez para encaixar o balón desde a liña de sete metros. O Guardés, que non puidera transformar unha oportunidade nas mesmas condicións unhas xogadas atrás, respondeu pouco despois coa zurda de Lorena Téllez, que igualaba o marcador para terminar o primeiro parcial (1-1, min. 5).  

 Como se previu, a maior dificultade para ambos os dous equipos estaba a ser o traballo defensivo rival. A clave estaría en lograr atopar e aproveitar cada mínimo oco, como o lograron en senllas accións Cristina Cifuentes primeiro e Carme Castro e Ariana Portillo despois, cunha vaselina desde cada extremo que comezaba a afastar ás súas no luminoso (1-4, min. 8).  

 O anfitrión, ata entón, atopara os mesmos ocos fronte á porta guardesa, aínda que sufría dun inusual desacerto no tiro que xa empezaba a ser un lastre. Varios paus consecutivos e lanzamentos forzados eran a causa do despegamento das de Ana Seabra, ata que Joana Resende equilibrou un pouco as cousas desde os nove metros (2-4, min. 9). 

 A partir de entón o ritmo foi, se cabe, aínda máis frenético. O Málaga estaba decidido a facer correr ás galegas, lideradas por unha Ceci Cacheda que rastrexaba cada movemento. Merche Castellanos freou varias chegadas do Mecalia, mentres as de Suso Gallardo buscaban poñer en apuros a Amandine Balzinc, pero sen afinar o tiro aínda. Martu Romero sentou, por fin, as bases para a remontada andaluza, e Nicxon Clabel asinou entón un novo empate pouco antes do ecuador desta primeira metade (4-4, min. 13). Estaba claro que nada estaría decidido ata o asubío final. 

 Comezaban a recuperarse as locais, cando un novo penalti de Isa Medeiros abriu o camiño para crecerse en Carranque. Castellanos non perdoaba unha e comezaba a frustrar á fila guardesa, que encadeou dúas perdas do esférico seguidas aproveitadas de maneira brillante polas andaluzas. Maider Barros primeiro e Resende despois materializaron senllas accións na maior renda malagueña ata o momento, grazas a un 3-0 que era como unha xerra de auga fría para o equipo miñoto (7-4, min. 18). 

 E a sacudida tivo resultado, pois o Guardés fixo o propio e comezou a maximizar os erros rivais. María Palomo, que finalmente puido xogar sen molestias, foi a primeira en romper o bloqueo galego e encaixala na rede andaluza. A capitá Sancha imitou o canonazo na xogada seguinte, e o sete metros concedido nos instantes seguintes foi aproveitado pola moza Rosane Serrano, que reiniciaba o marcador (7-7, min. 21).  

 A dinámica mantívose, co encontro moi igualado ata o asubío do medio tempo. O Guardés tivo que enxeñarllas con xogadas creativas para enganar a unha defensa malagueña moi compacta, logrando darlle a volta ao partido e volver liderar, para pechar a primeira parte cunha vantaxe mínima moi traballada e que lles facía soñar con eses dous puntos (10-11, min. 30).  

 A segunda metade comezou coa mesma intensidade, aínda que o Málaga pareceu demostrar unha forza extra. O primeiro parcial foi de 4-2 e quería indicar que as locais xa empezaban a poñer ás visitantes no seu sitio (14-13, min. 35), salvadas apenas polas aparicións de Amandine Balzinc baixo paus e algunha que outra perda andaluza. 

 Pero o Guardés pronto se recuperou e sacou a relucir a mesma capacidade de reacción que viña demostrando. O encontro converteuse nun tira e afrouxa, un xogo de pregunta e resposta polo que os goles se intercambiaban en ambas as portas, de maneira que ao bordo do ecuador desta segunda parte, o enésimo acerto de María Sancha devolvía o marcador ás táboas (16-16, min. 43). As súas debían atopar esa brillantez adicional que tanto as caracterizaba para evitar que o partido se decidise in extremis.  

 E así pareceu suceder, pois aínda que as de Ana Seabra non brillaron por unha gran superioridade na portería, si que ameazaban con gañar a batalla psicolóxica. Balzinc seguía sendo crucial como fera cérbera, xa con 10 paradas ás costas ata ese momento, mentres a defensa galega pechaba filas para poñer nerviosas ás de Málaga. Tampouco puideron aproveitarse as anfitrioas tanto das faltas, pois se Medeiros achegara cinco impresionantes penaltis ata entón, Resende fallou a súa ocasión cando chegou neste segundo período. Comezaba a bloquearse o equipo local, e Suso Gallardo chamaba ao tempo morto para tentar romper co liderado mínimo que defendían as guardesas (18-19, min. 52). 

 Sacou entón o cadro baixomiñoto a formación 7 contra 6 para maximizar resultados. Os minutos finais serían cruciais e a técnica do Mecalia sabíao. Téllez marcou en dúas ocasións o canonazo que abriu a veda da diferenza de dous goles a favor das súas, aínda que tamén en ambos os casos Joana Resende respondeu no contragolpe. O Guardés mandaba aínda, pero quería máis (21-22, min. 56).  

 A exclusión de Cristina Cifuentes chegou e pesou, e o ataque non funcionou esta vez. O Málaga obtivo o balón do empate entón e Clabel aproveitouno con fartura, botando por terra toda a resiliencia guardesa (22-22, min. 58). Cada segundo ardía en Carranque, vibrando ante unha defensa das súas que non cedía nin un milímetro. Pero forzárono demasiado as locais e cederon un sete metros que a mesma Cifuentes encaixou sen despeitearse, achegando a vitoria guardesa a escasos trinta segundos do final (22-23, min. 59).  

 Un segundo partido xogouse no banco, pois Gallardo solicitou parar o cronómetro para planificar estes instantes cruciais. Martu Romero seguiu as súas ordes á perfección e volveron as táboas, dando pé a que Seabra reflectise o tempo morto e dirixise ás súas a nove segundos definitivos. E as súas, de novo, cumpriron a tarefa á perfección: o ataque desenvolveuse con rapidez, Cacheda deu a asistencia e Ania Ramos transformou un lanzamento desde o centro da defensa que Alice Fernandes non puido parar (23-24, final). Unha xornada máis, o Guardés segue invicto e segundo, demostrando o seu poderío ante rivais de calquera parte da táboa e debuxándose aos poucos como un importante contendente na loita polo título ligueiro. Non supera, de momento, o segundo posto, pois o Super Amara Bera Bera defende o liderado sen fallar cada xornada, como tampouco o fixo este sábado no seu encontro ante KH-7 Granollers (27-22).  

Costa do Sol Málaga (10+13): Martu Romero (4), Joana Resende (3), Niczon Clabel (5), Sole López (2), Isa Medeiros (7), Mercedes Castellanos (p.), Rocío Campigli (1) [sete inicial], Alice Fernandes (p.), Nayra Solís, Estela Doiro (1), Silvia Arderius, Rita Bento, Estitxu Berasategi, Martina Villalva e Maider Barros. 

Mecalia Atlético Guardés (11+13): Amandine Balzinc (p.), Lorena Téllez (3), Carme Castro (1), Cristina Cifuentes (2), Elena Martínez, Blazka Hauptman, Ariana Portillo [sete inicial], Jazmín Mendoza (1), Sabina Mínguez (p.), Cecilia Cacheda (3), María Palomo (2), Rosane Serrano (2), María Sancha (7), Ania Ramos (3) e Anouk Nieuwenweg. 

Marcador cada cinco minutos: 1-1, 2-4, 4-4, 7-5, 8-7, 10-11, 14-13, 15-14, 17-17, 18-19, 19-20, 23-24.  

Árbitros: Alberto Murillo e Pablo García. Excluíron con dous minutos ás locais Nicxon Clabel e Isa Medeiros e ás visitantes Anouk Nieuwenweg, María Palomo e Cristina Cifuentes e amoestaron con tarxeta amarela á local Estitxu Berasategi e á visitante Blazka Hauptman. 

Incidencias: Partido de sétima xornada da liga Guerreiras Iberdrola 2025/2026, disputado no pavillón José Luis Pérez Canca, de Málaga. Antes de comezar o encontro, conmemorouse a celebración do Día Internacional contra o Cancro de Mama do pasado 18 de outubro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario