Un proxecto estratéxico do Concello de Oia dará nova vida ao antigo Cámping Pedra Rubia
• Cun orzamento de 1,41 millóns de euros
Infogauda / Oia
O Concello de Oia avanza con decisión na execución de proxectos estratéxicos que apostan por un desenvolvemento sostible, respectuoso coa contorna e orientados a recuperar espazos de alto valor para o uso público, coa transformación do antigo Cámping Pedra Rubia, en Mougás, nun gran parque público. Esta ambiciosa actuación, actualmente en fase de execución, pretende recuperar espazos de alto valor ambiental e patrimonial e poñelos ao servizo da veciñanza, dos visitantes e dos peregrinos.
O proxecto está a converter unha parcela que fora privada nun espazo público accesible, multifuncional e respectuoso coa contorna. Situado á beira do mar, na zona do Aguncheiro —un enclave de gran riqueza paisaxística e histórica—, a nova área recreativa será un referente de lecer e convivencia, nun punto estratéxico do Camiño de Santiago onde se conservan vestixios de salinas romanas. Precisamente, a presenza destes restos arqueolóxicos condiciona o desenvolvemento da actuación, que poderá experimentar adaptacións técnicas en función das indicacións dos organismos competentes en patrimonio.
A alcaldesa, Cristina Correa, subliña a relevancia desta intervención: “Recuperamos un espazo privilexiado para o uso público, respectando a súa identidade e potenciando o seu valor paisaxístico e patrimonial”, manifesta. Cun orzamento de 1,41 millóns de euros, o Concello de Oia demostra a capacidade de xestión ao artellar o financiamento a través de dúas vías complementarias: o Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD), enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España, e o Plan Extra 2024 da Deputación de Pontevedra. Esta combinación de recursos evidencia o compromiso municipal por atraer investimentos e executar proxectos de calidade.
Un espazo pensado para o benestar e a natureza
Baixo a dirección da recoñecida arquitecta e paisaxista María Fandiño Iglesias, o deseño do parque aposta pola integración paisaxística, a accesibilidade universal e a creación de zonas de uso diverso. Entre os principais equipamentos previstos destacan:
● Piscina e solarium.
● Área de fontes de chan.
● Espazos infantís de lecer.
● Pista polideportiva.
● Aparcadoiro, bar, aseos e merendeiros.
● Itinerarios accesibles que vertebran todo o recinto.
Ademais destas dotacións, o Concello promove accións de renaturalización para recuperar a flora autóctona, mediante a creación de pradeiras atlánticas, áreas arbustivas e taludes vexetados, reforzando así o valor ecolóxico do espazo.

Ningún comentario:
Publicar un comentario