27 de out. de 2025

O ROSAL

O Rosal dálle músculo ao deporte local con novo equipamento no pavillón municipal  

 O Concello continúa coa súa aposta por instalacións de calidade coa compra de novo material de adestramento financiado ao abeiro do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación 

 

O concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo (der.) xunto a Iago Flores González, capitán do Valinox Novás
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 A forza do deporte rosaleiro segue medrando. O Concello do Rosal vén de dar un novo paso na transformación do seu pavillón municipal coa instalación de moderno equipamento deportivo destinado ao adestramento dos e das deportistas que fan uso das instalacións da rúa Simón del Mazo. Un investimento que reforza o compromiso municipal coa saúde, o benestar e a seguridade da comunidade deportiva local, especialmente da canteira, verdadeiro motor do futuro deportivo e social do Rosal. 

 Entre o material adquirido destacan unha máquina multifunción Smith BK58, accesorios da plataforma e polea cónica Eccotec, unha plataforma regular espuma Softee, barras olímpicas, discos Bumper, pesas rusas, pesas de man, pasos profesionais e outros elementos que permitirán aos e ás deportistas realizar un adestramento máis completo e seguro. 

 Este investimento, subvencionado con 15.712,16 euros a través do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra, enmárcase na planificación estratéxica que o Concello do Rosal leva a cabo nos últimos anos para modernizar e manter as súas instalacións municipais. 

 “A mellora continua do pavillón municipal é unha prioridade para nós”, destacou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, quen salientou que “apostamos por infraestruturas de calidade que garantan espazos seguros e saudables para toda a nosa comunidade deportiva, dende a base ata os equipos sénior. O deporte é saúde, cohesión e futuro”. 

 Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, José Carlos Martínez Crespo, subliñou a importancia de dotar o pavillón “de equipamento moderno e funcional que permita optimizar os adestramentos e ofrecer máis recursos aos clubs e deportistas individuais. Cada mellora é un paso máis nun proxecto global que busca situar as instalacións municipais do Rosal á altura da súa intensa actividade deportiva”. 

 Estas novas adquisicións súmanse ás actuacións xa realizadas nos últimos anos, como a renovación completa da pista, a remodelación dos vestiarios e duchas cun aseo adaptado, o cambio da caldeira por unha de biomasa, as melloras en accesibilidade e a instalación dunha grada supletoria para o apoio á canteira do Valinox Novás. 

 Con este novo equipamento, o Concello reafirma o seu compromiso cun deporte local forte, inclusivo e sustentable, no que cada investimento se traduce nunha mellor calidade de vida para toda a veciñanza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario