24 de out. de 2025

A GUARDA

O perfil Camiño Portugués da Costa por Caminha-A Guarda supera os 16.000 membros


Dúas mulleres facendo o Camiño Portugués pola Costa
Foto. Antón Ferreira


Antón Ferreira Lorenzo / A Guarda  

 Oito días antes de cumprir o seu cuarto ano na rede social Facebook, que será o vindeiro 28 de outubro, o perfil Camiño Portugués da Costa” por Caminha-A Guarda alcanzou os 16.000 membros. Trátase dun espazo público centrado exclusivamente no histórico Camiño que desde Porto, e seguindo a costa portuguesa cruza o río Miño, entre Caminha e A Guarda, para continuar polo Rosal, Oia, Baiona, Nigrán, Vigo e Redondela até chegar á catedral de Santiago. Un percorrido de, aproximadamente, 280 km que os peregrinos percorren, segundo as súas forzas ou intereses, nuns 13 días de media. Inclúese neste perfil a Variante Espiritual, unha alternativa que xoga con lugares singulares como Combarro cos seus hórreos e cruceiros; Armenteira e o seu Mosteiro; a Ruta da Auga e da Pedra, de gran beleza, ou o itinerario en barco cunha etapa fluvial entre Vilanova de Arousa e Pontecesures. 

 Ademais de datos de interese para o peregrino, o perfil nútrese de fotografías, experiencias dos peregrinos, información de actividades que se desenvolven neste itinerario, historia, lendas e tradicións, entre outros contidos. Moi recentemente, concretamente o último día de setembro, un destes contidos, “Iconografía da fachada da catedral de Santiago”, alcanzaba as 56.379 visualizacións, con 796 reaccións, 2.993 ampliacións da foto, 178 veces compartido e 4.009 interaccións.  

 Por seguidores, un 58,7 por cento, son mulleres e o resto (41,3 por cento) homes. Españois, portugueses, estadounidenses, italianos ou alemáns, figuran como seguidores nos primeiros lugares do “Camiño Portugués da Costa” por Caminha e A Guarda. E por cidades, A Guarda, Vigo, Madrid, Porto ou Viana do Castelo, destacan entre as poboacións. E por idades, o rango dos máis asiduos abarca dos 35 aos de máis de 65 anos, sendo o tramo de 55 a 64 anos, o que máis crece.

Ningún comentario:

Publicar un comentario