O Rosal preséntase como referente galego en sostibilidade no camiño para optar a novas ‘Flores de Honra’
• O xurado de Vilas en Flor visitou o Concello para coñecer os novos avances na súa transformación ecolóxica, con proxectos que abranguen dende as comunidades enerxéticas ata a recuperación patrimonial ou o turismo sostible
Infogauda / O Rosal
O Rosal continúa a consolidar a súa imaxe como vila comprometida coa sostibilidade, a innovación ambiental e a calidade de vida da veciñanza. Este venres, o xurado do certame Vilas en Flor de Galicia percorreu o municipio para avaliar os novos proxectos que sitúan ao Concello como referente galego en transformación ecolóxica.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destacou durante a visita que “a sostibilidade ambiental é unha prioridade estratéxica que permea todas as políticas locais e que forma parte esencial da transformación do Rosal. Cada ano seguimos traballando para facer que O Rosal que sexa un modelo de respecto coa contorna natural e de convivencia veciñal, un exemplo a seguir por outras comunidades”.
Entre as novas accións desenvolvidas este ano 2025, alcaldesa e concelleiros presentaron ao xurado a recuperación dos Muíños do Folón e do Picón, unha restauración integral de camiños, canles, muros e pontes mediante o obradoiro de emprego ‘Roteiro Etnográfico - O Noso Patrimonio’ que converte o espazo nun referente de patrimonio, sendeirismo e turismo sostible, con actividades accesibles como o sendeirismo coa Joellette.
A delegación rosaleira tamén deu a coñecer ao xurado do Vilas en Flor o observatorio de aves en San Miguel de Tabagón, unha infraestrutura que se inaugurará proximamente coa que se aposta polo turismo de natureza accesible, con materiais respectuosos co medio e cun deseño inclusivo integrado nun circuíto comarcal de observación da fauna e flora autóctona. O Concello executou este espazo a través de Galicia Suroeste coa colaboración da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Miguel e de Manuel Sobrino Senra (Manu).
Durante a visita tamén explicaron o proceso de rehabilitación da Casa-Escola de Fornelos na aposta polo patrimonio e o ensino rural, coa transformación dun edificio histórico nun espazo de convivencia sostible e accesible, integrando eficiencia enerxética, materiais ecolóxicos e participación cidadá. Relevante tamén o traballo para consolidar a Feira do Viño do Rosal como Festa de Interese Turístico Sostible, con medidas de redución de residuos, uso de vasos reutilizables, envases sostibles, mobilidade responsable e actividades de sensibilización ambiental.
Fundamental tamén na transformación levada a cabo no último ano o papel da Oficina da Enerxía do Rosal, un espazo pioneiro de asesoramento, formación e acompañamento para avanzar cara un modelo enerxético máis sostible, promovendo comunidades enerxéticas locais e atención a colectivos vulnerables.
O xurado tamén coñeceu ao detalle a rede de catro minipuntos limpos e a posta en marcha do Punto Limpo Móbil, fórmulas coas que achegar a reciclaxe á veciñanza, facilitando a separación de residuos, reducindo desprazamentos e promovendo a economía circular. Neste camiño tamén vai a campaña de compostaxe e reciclaxe de aceite usado posta en marcha, que busca a incorporación de novas familias con talleres educativos e accións de formación para fomentar a xestión responsable dos biorresiduos.
Fernández Callís subliñou que “estas iniciativas forman parte dunha estratexia común que combina protección ambiental, dinamización social e oportunidades económicas, situando a O Rosal nunha posición de vangarda en Galicia”.
O xurado de Vilas en Flor emitirá proximamente o seu ditame, co que o Concello aspira a revalidar e aumentar as súas ‘Flores de Honra’, recoñecemento que distingue ás vilas galegas máis comprometidas co medio ambiente, a mellora paisaxística e a calidade de vida cidadá.
Ningún comentario:
Publicar un comentario