Tres candidaturas galegas optan como finalistas á XVIII edición dos Premios Nacionais de Artesanía 2025
• O torneiro Aitor Martínez (Tomiño), opta ao Premio Produto pola súa colección Mundos e a artesá Sandra Vilas, do obradoiro Boina Galega (Santiago de Compostela) está nomeada na categoría de Emprendemento
• A Fundación Artesanía de Galicia é de novo finalista polo seu proxecto Artesanía no Prato e competirá polo galardón na categoría Promociona Entidades Públicas, categoría na que xa resultou gañadora en tres ocasións
Infogauda / Galicia
Tres candidaturas galegas optan como finalistas aos XVIII Premios Nacionales de Artesanía convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e a súa área de promoción da artesanía, Fundesarte. O torneiro Aitor Martínez (Tomiño) opta ao premio Produto, a artesá Sandra Vilas, do obradoiro Boina Galega (Santiago de Compostela), é finalista na categoría Emprendemento, e a Fundación Artesanía de Galicia competirá polo Premio Promociona Entidades Públicas co seu proxecto Artesanía no Prato, no que se busca incorporar a Artesanía de Galicia á gastronomía como soporte dos menús para incrementar a singularidade e a exclusividade da proposta resultante.
Os Premios Nacionais de Artesanía convócanse anualmente co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento e á competitividade das pemes do sector artesán, así como incentivar a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado. Ao mesmo tempo, prémiase ás institucións e empresas que contribuíran de xeito significativo a impulsar o traballo artesán. Constan de 5 categorías: Premio Nacional de Artesanía, Premio Produto, Premio Emprendemento, Premio Promociona Entidades Públicas e Premio Promociona Entidades Privadas.
Finalistas galegos
En relación cos finalistas galegos deste certame, o torneiro de madeira Aitor Martínez, do obradoiro Aitor. (Tomiño), competirá polo Premio Produto pola súa colección Mundos.
O seu produto baséase na utilización da materia prima sustentable e coa trazabilidade documentada a través da ferramenta FORTRA coa idea de poñer en valor a orixe e a materia da que se dispón no territorio. No ano 2024 Aitor resultou gañador do Premio Joven Promesa do Círculo Fortuny, finalista do Premio Artesanía de Galicia 2024 e do Premio Produto. Nesta ocasión competirá polo Premio Produto xunto con Pablo Fernández Romero e Atelier Mel Design.
Por outra banda, a artesá Sandra Vilas, do obradoiro Boina Galega (Santiago de Compostela) e especializada no traballo co feltro opta ao Premio Emprendemento. A traxectoria de Sandra Vilas empeza coa elaboración de complementos de moda en feltro - entre os que destaca a reinterpretación da boina tradicional galega desde unha ollada contemporánea - e na actualidade é xa unha artesá especialista no traballo do material en si mesmo, co que consegue elaborar verdadeiras esculturas téxtiles. O punto de inflexión chega cando comeza a traballar cunha marca de luxo, que implicou un crecemento exponencial do equipo e a optimización dos procesos sen sacrificar a singularidade e o acabado artesanal de cada peza. A raíz desta colaboración, no 2023, nace formalmente a empresa coa que opta ao premio, consolidando un modelo de emprendemento que une identidade local, excelencia técnica e visión de futuro, e que permite escalar a produción sen renunciar ao traballo artesanal. Na categoría Emprendemento competirá con Paz González Mesa e Barrikupel.
A Fundación Artesanía de Galicia, dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, volve ser finalista na categoría Promociona para Entidades Públicas polo seu proxecto pioneiro Artesanía no Prato
Ademais, a Fundación Artesanía de Galicia, dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, volve ser finalista na categoría Promociona para Entidades Públicas polo seu proxecto pioneiro Artesanía no Prato, impulsado pola Xunta desde 2023 e que une a artesanía e a gastronomía, dous ámbitos vinculados ao territorio e á produción local que esta iniciativa enxalza mutuamente, mellorando a experiencia sensorial para o consumidor. Nesta mesma categoría competirán a Fundación Centro Nacional del Vidrio pola Real Fábrica de Cristales de la Granja e a Universitat Politécnica de Valencia pola súa Cátedra de Artesanía.
A Fundación Artesanía de Galicia xa resultou gañadora deste galardón nos anos 2012 por conxugar o apoio aos oficios tradicionais cunha aposta pola innovación e adaptación aos novos mercados; no 2016 polo proxecto Enredadas e no 2023, polo evento Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, que se celebra en Agolada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario