23 de out. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

Nerea Gil causará baixa polo menos dous meses debido a unha rotura de menisco 

A central ten roto o menisco do xeonllo esquerdo e pasará por quirófano o vindeiro mércores 29. A partir de entón e segundo o resultado da operación, espéranlle entre dous e tres meses de recuperación 

Gil acusaba molestias dende a pretempada, cando foi diagnosticada dunha escordadura na mesma articulación. Estímase que probablemente aquela lesión empeorase debido aos esforzos 

A navarra supón a primeira lesión importante da tempada para o Guardés, mentres se vixía de preto a María Palomo, que sufriu un forte golpe na zona do tendón calcáneo durante o partido do mércores na Sangriña 


A central Nerea Gil será operada o próximo mércores
Fotos: Tamara Alonso (SportCoeco)
No encontro de onte, a pivote María Palomo recibiu un forte golpe na zona do tendón de Aquiles 


Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés contabiliza a súa primeira baixa de longa duración desta tempada. A central Nerea Gil foi diagnosticada dunha rotura do menisco do xeonllo esquerdo e deberá pasar por quirófano. Será operada o próximo mércores, momento a partir do cal lle esperan cando menos dous meses de rehabilitación ata poder volver ás pistas. Pola súa parte, o equipo tamén está pendente da evolución de María Palomo, que sufriu un forte golpe en el tendón de Aquiles no último partido.  

 A xogadora navarra arrastraba molestias na articulación dende a pretempada, cando perdeu varios amigables debido a unha escordadura no mesmo xeonllo. Probablemente, ou ben aquela lesión non curou completamente ou ben era máis grave do que se estimaba, pois nas semanas seguintes, aínda que participaba nos adestramentos, Gil acumulou novos problemas e por iso apenas sumou minutos sobre o 40x20. Esta mesma semana, ao ver que a situación non melloraba, unha visita médica revelou que a central sofre finamente unha rotura de menisco que deberá ser operada. 

 Nerea someterase concretamente a unha artroscopia, un procedemento que permite visualizar a articulación e determinar o tratamento necesario. Segundo a gravidade da fractura, suturarase ou extraerase o menisco roto, polo que ata despois da intervención, datada para o próximo mércores 29 de outubro, non poderá estimarse un tempo específico de recuperación. En calquera caso, fálase de entre dous e tres meses de rehabilitación para este tipo de lesión, polo que a central non volverá ás pistas previsiblemente ata 2026. 

 A da navarra é a primeira baixa significativa que conta o equipo miñoto esta tempada, tras un curso moi marcado polas lesións coma foi o anterior. Con todo, quizais se sume a ela unha ausencia máis puntual nos próximos días. 

 No partido deste mércores 22 na Sangriña, a pivote María Palomo recibiu un forte golpe na zona do tendón de Aquiles polo que non puido continuar no partido e mesmo foi incapaz de abandonar a pista polo seu propio pé. Despois da observación do fisioterapeuta e a médica do Club in situ, e tras unha placa á mañá seguinte, descartáronse fracturas, pero si que se destacou unha inflamación significativa que require repouso e pola que se recomendou á madrileña non viaxar a Málaga para competir este sábado. Nos vindeiros días seguirase de preto a evolución de ambas xogadoras.     

Ningún comentario:

Publicar un comentario