López Campos anuncia un investimento de 10,5M€ ata 2028 para rematar as obras do Teatro Cine Fraga
• O representante do Goberno galego adianta que no vindeiro ano rematarase o proxecto básico e de execución e licitaranse as obras que comezarán en 2027
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visitou este espazo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo e o director xeral de Cultura
Foto: X.G.
Infogauda / Vigo
A Xunta de Galicia destinará 10,5M€ para completar as obras do Teatro Cine Fraga. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, nunha visita a este espazo na que, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, precisou que se trata dunha senda orzamentaria posta en marcha coa adquisición do inmoble e que se alongará ata o vindeiro ano 2028.
Neste senso, o responsable autonómico de Cultura adiantou que no próximo ano está previsto que se remate o proxecto básico e de execución que permitirá que, posteriormente, se liciten os traballos para rematar as obras. “O noso compromiso coa reapertura deste simbólico edificio é total e así se reflicte nos Orzamentos de 2026, onde contaremos cun primeiro investimento de 1,5M€ para facelo posible”, precisou López Campos. Esta achega, tal e como explicou, permitirá continuar cos pasos necesarios para completar os traballos despois de que este verán, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, se iniciase o proceso para que sexa César Portela, quen asuma a redacción do proxecto básico e de execución, así como a dirección de obras do Teatro Cine Fraga.
“Esta mesma semana, coincidindo coa apertura do edificio á cidadanía cun programa de visitas guiadas, puxemos fin ao trámite administrativo coa sinatura do contrato dotado cun millón de euros”, informou o conselleiro antes de engadir que a previsión agora é que a redacción do plan estea culminada no primeiro trimestre do ano 2026 o que permitirá presentar o proxecto no mes de abril.
“Tras isto, comezaremos co procedemento para iniciar a licitación das obras que agardamos poñer en marcha no ano 2027”, detallou López Campos. Cómpre lembrar que César Portela é o propietario intelectual do proxecto orixinal e director das actuacións xa executadas neste inmoble adquirido pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra por 9,4M€.
Nova residencia xuvenil
Ademais do compromiso coa recuperación do Teatro Cine Fraga de Vigo, as contas para o vindeiro exercicio permitirán tamén o inicio dos trámites para, xunto coa Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, dotar á cidade dunha nova residencia xuvenil no Ofimático. “Trátase dunha parcela de máis de 3.500 metros cadrados que a Consellería de Vivenda reservará no desenvolvemento do solo e na que comezaremos a traballar xa en 2026 cos traballos técnicos e administrativos para redactar os pregos”, engadiu.
Esta nova dotación, tal e como explicou o conselleiro, súmase á residencia xuvenil Altamar, o equipamento existente na rúa Cesáreo González cun centenar de prazas e ofrecerá unha alternativa a aqueles mozos e mozas que se teñen que trasladar a Vigo por razóns de estudo ou traballo.
Antiga vila romana no Museo do Mar de Galicia
Por outro lado, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén prevé comezar en 2026 o procedemento para ampliar o Museo do Mar de Galicia incorporando un antigo xacemento romano de máis de 7.000 metros cadrados. “Nos últimos anos este xacemento foi obxecto de estudo por parte da Universidade de Vigo sacando á luz numerosos achados que o sitúan como unha antiga vila romana”, explicou López Campos.
Así, co obxectivo de garantir a súa divulgación, a Xunta de Galicia porá en marcha o vindeiro ano un concurso de ideas co que acadar a mellor opción para “poñer en valor este xacemento de gran potencial cultural, científico e turístico”, apuntou.
O representante da Administración autonómica defendeu a importancia destes investimentos que apostan por situar “aos vigueses e viguesas no centro” ao tempo que se melloran os recursos culturais e se ofrecen alternativas de aloxamento para a mocidade. “Trátase dunha mostra do compromiso e a política decidida do Goberno galego coa cidade de Vigo que, un ano máis, se mantén vixente nos orzamentos”, concluíu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario