Dano Cerebral Galicia impartirá unha charla de ‘Aproximación ao dano cerebral adquirido’
• Falarase das causas, como o ictus; da prevención; das secuelas ou dos recursos de atención a esta discapacidade
Infogauda / A Guarda
A Guarda acollerá unha charla ‘Aproximación ao dano cerebral adquirido’ que será impartida por membros da asociación de Dano Cerebral Galicia. Esta sesión informativa está organizada en colaboración co Concello de A Guarda, e vai ter lugar o martes, 11 de novembro, ás 17:30 no salón de plenos da Casa dos Alonso.
Esta acción ten como obxectivos informar sobre as causas - como o ictus ou os traumatismos cranioencefálicos -, describir as secuelas, sensibilizar sobre a prevención, e achegar referencias sobre os recursos de atención ao dano cerebral adquirido dispoñibles na contorna.
É unha actividade aberta a todo tipo de público, dunha duración estimada de hora e media.
Aínda que a asistencia é de balde, é preciso inscribirse chamando ao 652 770 653 (Dano Cerebral Galicia) ou neste formulario: https://goo.su/GLG7v6
O dano cerebral adquirido é unha discapacidade que teñen en Galicia máis de 35.000 persoas. A súa incidencia incrementouse nos últimos anos, e continúa a medrar, especialmente polo aumento de casos de ictus. Ese aumento está motivado tanto polo envellecemento da poboación como polos cambios nos hábitos de vida (peor alimentación, máis sedentarismo, estrés, e moitos outros motivos), que conlevan factores de risco do ictus.
Ademais do apoio do Concello, Dano Cerebral Galicia conta para esta actividade co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario