20 de out. de 2025

A GUARDA

O Concello de A Guarda colabora coa saída cultural polo Salnés prevista para o sábado 15 de novembro  

As persoas participantes desfrutarán dunha saída en catamarán, degustación de mexillóns e visita a Cambados  




Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda colabora na organización  dunha saída cultural en bus para que os veciños poidan coñecer a nosa provincia e así continuar coa actividade cultural tamén no outono         

 A saída cultural será o sábado 15 de novembro e o programa incluirá tres actividades nos concellos do Grove e Cambados, na comarca do Salnés. A primeira parada será no porto do Grove coa saída en catamarán pola ría entre bateas e que incluirá a degustación de mexillóns. Ademais, desfrutarase dunha breve visita ao centro urbano desta vila costeira.  

 Para a segunda actividade o grupo dirixirase a San Vicente do Mar para a visita ao Centro de Interpretación da Cultura Agraria "O Quinteiro de Temperán". Este centro é unha antiga casa de labranza do século XVIII restaurada e que transportará aos participantes á vida e costumes do mundo rural galego percorrendo as diferentes estancias e coñecendo obxectos recuperados. Neste mesmo espazo os participantes gozarán dun xantar especial ambientado no 1900.  

 A tarde continuará coa visita guiada ao casco histórico de Cambados como terceira actividade. Esta saída cultural está organizada por Costa Atlántica Viajes cun importe de 70€ por persoa, con saída ás 8:00h e regreso aproximado ás 21:00h á Guarda.  

 Para máis información e inscrición, as persoas interesadas deben dirixirse á Casa dos Alonso (segunda planta) ou ben a través do teléfono 986 61 00 00 ata o mércores 29 de outubro, data na que pecha a inscrición.

Ningún comentario:

Publicar un comentario