O Concello abre a licitación da reforma integral do auditorio municipal cun investimento de 900.000 euros
• O proxecto transformará o espazo en clave de eficiencia enerxética, accesibilidade e funcionalidade, garantindo o futuro da Escola de Música e do Conservatorio profesional
Infogauda / O Rosal
O Rosal dá un paso decisivo no seu compromiso coa formación musical e coa cultura. Xa está aberta a licitación das obras de mellora da eficiencia enerxética e reforma interior do auditorio municipal, que suporá un investimento de case 900.000 euros. O prazo de presentación de propostas estará aberto ata o vindeiro 18 de setembro.
O Concello captou fondos do Plan Extra da Deputación de Pontevedra e doutros fondos externos para financiar de forma íntegra este proxecto estratéxico para o municipio e para toda a comarca. O obxectivo é transformar o auditorio nun espazo sostible, accesible e adaptado ás necesidades actuais da Escola de Música e do Conservatorio profesional promovidos pola Agrupación Musical do Rosal, convertendo así o inmoble nun referente educativo e cultural.
A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, subliñou que “con este proxecto construímos o presente e o futuro da formación musical no Rosal, consolidando unha infraestrutura que é vital para o desenvolvemento educativo, cultural e social da nosa vila”. A rexedora destacou ademais que “a música é unha das nosas grandes fortalezas como comunidade e este investimento supón garantir que as próximas xeracións teñan unhas instalacións modernas, sostibles e plenamente accesibles nas que crecer e formarse”.
As obras do auditorio dividiranse en tres grandes bloques: a reforma da envolvente exterior, para optimizar o confort térmico e garantir o futuro do edificio; a mellora dos accesos ao auditorio, á zona do museo e á escola de música, asegurando a accesibilidade universal; e a reorganización dos espazos interiores, para acadar unha maior funcionalidade na actividade diaria da escola e do conservatorio.
Con esta licitación, o Concello do Rosal reafirma a súa aposta pola cultura e pola educación musical, situando o auditorio municipal no centro da vida social e cultural do municipio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario