A Xunta de Galicia sitúa aos Tuna Awards como exemplo do labor da industria do atún no ámbito da innovación
Infogauda / Vigo
A cidade de Vigo acolleu unha nova edición dos Tuna Awards, uns galardóns que entrega Anfaco-Cytma e que teñen como obxectivo poñer en valor o sector atuneiro e recoñecer a súa aposta decidida pola innovación, a dixitalización e a sustentabilidade. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, acudiu a esta cita que permite visibilizar a importancia deste segmento da frota e dun dos piares da industria conserveira galega, líder a nivel nacional e europeo. O acto serviu de antesala da XII Anfaco World Tuna Conference que terá lugar na cidade olívica a partir do xoves baixo o lema “Reaching the new consumer”. Un encontro internacional que reunirá a máis de 350 participantes de 31 países con relatores de primeiro nivel para abordar as tendencias actuais e os principais retos aos que se enfronta o sector.
Nesta edición galardóanse ao Grupo Profand, na categoría Novos Produtos, pola súa innovadora liña Atún 360. Unha gama de pratos preparados que revaloriza coprodutos do atún converténdoos en propostas gastronómicas con valor engadido. O premio na categoría de Economía Circular recaeu en Hijos de José Serrats e Fundación AZTI polo seu proxecto Resaltun que transforma a salmoira xerada na cocción do atún nun recurso de alto valor como auga reutilizable e biocombustible. Na categoría Revolución 4.0 resultou vencedora Marine Instruments co seu Marine Horizon Viewer, unha plataforma intelixente deseñada para ofrecer á frota atuneira ferramentas avanzadas de monitorización e análise en tempo real do horizonte. Un sistema que mellora a eficiencia da actividade pesqueira e reforza a toma de decisión estratéxicas baseadas en datos.


Ningún comentario:
Publicar un comentario