13 de set. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés continúa a Liga  en Logroño 

Este este domingo, 14 de setembro, ás 18.00 horas, visita ao Grafometal La Rioja, na terceira xornada ligueira 

O equipo miñoto buscará unha importante vitoria nunha pista difícil para resarcirse das malas sensacións da Supercopa de Galicia e seguir medrando na Liga 

De novo, Ana Seabra contará con tódalas xogadoras do equipo 

  


 Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés continúa a Liga este domingo, 14 de setembro. Ás 18.00 horas, as de Ana Seabra visitarán a pista dun Grafometal La Rioja que, tras librarse do descenso no desempate da tempada pasada, tampouco comezou este ano coa mellor das sortes e buscará sumar a súa primeira vitoria. Pola súa parte, para o equipo miñoto será unha oportunidade para recuperar as boas sensacións trala derrota da Supercopa de Galicia. De novo, viaxaron tódalas xogadoras. 

 O Mecalia chega ao partido coa intención de recuperar a confianza. Hai xusto unha semana, o conxunto guardés non firmou a mellor das súas actuacións ante o Balonmán Porriño na final da Supercopa de Galicia, comezando o encontro cun ritmo prometedor na primeira metade, pero caendo sen remedio ao final debido aos erros e a desconcentración (27-23). O seu compatriota fixo moito mellor partido e levou o primeiro título da tempada, un feito do cal as de Ana Seabra trataron de aprender durante toda a semana e que proba que a este novo equipo aínda lle quedan varias pezas que engrasar. 

 Sete días despois, atópanse cunha oportunidade para recuperar as boas sensacións dun inicio ligueiro que, aínda que tamén viu erros, polo momento destaca pola capacidade de remontada do conxunto. Demostrárono na primeira xornada ante o Zonzamas, cun contundente parcial 3-11 que cambiou a tónica da súa estrea na competición no derradeiro cuarto (23-28); e repetiron a faena tamén a pasada semana, cunha nova resposta de 9-5 nos compases finais ante un Granollers ao que remataron por vencer pola mínima (23-22). 

 Dúas recuperacións que, aínda que miden a fame deste equipo, o seu cadro de persoal espera que non se convertan no habitual. Agora, as de Ana Seabra cambian o chip da Supercopa para afrontar o seu terceiro encontro. Para axustarse ao horario de xogo inusual, dun domingo pola tarde, o Mecalia sairá da Guarda á medianoite deste sábado, polo que contará cunha xornada en terras rioxanas para preparar o encontro. Un encontro que as guardesas consideran coa mesma filosofía de sempre, tratando de manter a máxima concentración e conscientes das dificultades, pero buscando mellorar o nivel para evitar ter que resarcirse de longas distancias no marcador. 

 E é que as dificultades non son poucas, pois o equipo miñoto terá o seu terceiro duelo na pista dun Grafometal famento da súa primeira vitoria da tempada. Tras librarse do descenso facendo un grande desempate a pasada tempada, as de Luismi Ascorbe non comezaron este curso con bo pé, caendo primeiro no seu recibimento ao Elche (13-19) e despois de forma avultada na súa visita a Gran Canaria (30-17). Destaca destes resultados o aparente baixo potencial goleador do equipo rioxano, con tan só 30 goles anotados nestes dous primeiros bailes, fronte aos 51 guardeses. 

 Porén, Ana Seabra lembra con claridade tódalas dificultades que este mesmo equipo ocasionou ás súas a pasada tempada, pois foron dúas vitorias moi traballadas ao seu favor e que o Grafometal ameazou con levar en máis dunha ocasión ao longo dos 60 minutos (21-23 a domicilio e 27-25 na Sangriña). Con oito novas fichaxes para este ano, o equipo rioxano buscou renovarse para manterse na elite, pero blindando ao tempo a columna vertebral responsable desta garra característica, formada por xogadoras coma a exguardesa Lorena Pérez; a nova Mina Novovic; a goleadora Blanca Benítez; ou as gardametas Geandra Rodrigues e Maitane Larrayoz. Unha fórmula que, o máis seguro, fará todo o posible por tratar de dar problemas ao Mecalia este domingo.  

Ana Seabra: “Sabemos que é unha pista na que non podemos relaxarnos” 

 Para a adestradora do Guardés, Ana Seabra, o deste domingo será efectivamente un encontro complicado: “Temos que estar moi concentradas ante un equipo que busca a súa primeira vitoria, sabemos que sempre é unha pista na que non podemos relaxarnos”. 

 O do Palacio de los Deportes será un encontro que permitirá ás súas seguir sumando sensacións neste comezo ligueiro. “Precisamos seguir medrando como equipo”, admite a técnica, consciente dos erros do pasado domingo e chamando ao traballo colectivo, “medrar non soamente individualmente, senón táctica e emocionalmente”.  

 Non será tarefa doada, pero as súas coñecen a súa misión. “Sen dúbida, imos loitar polos dous puntos, que considero que son moi importantes. É unha casa difícil pero temos que facer o noso traballo con moita seriedade”, conclúe a preparadora guardesa.  

AXENDA 

Liga Guerreras Iberdrola | Xornada 3 

Grafometal La Rioja – Mecalia Atlético Guardés 

Domingo, 14 de setembro | 18.00 horas | Palacio de Deportes de La Rioja 

Retransmisión pola canle de YouTube de Grafometal Sporting La Rioja: 

https://www.youtube.com/watch?v=NlwQQYo7Xkk 

Ningún comentario:

Publicar un comentario