21 de ago. de 2025

O PORRIÑO

Denuncian “caos, descontrol e risco laboral” na unidade de reparto de Correos no Porriño, con 10.000 envíos e 2400 notificacións sen entregar 

  A representación da CIG na empresa pública lamenta que 20.000 veciños/as e 300 empresas teñan que padecer un servizo postal “pésimo” 


Buzón de Correos
Foto: CIG

Infogauda / O Porriño

 A CIG-Correos denuncia a situación de “caos, descontrol e risco laboral” que se vive na unidade de reparto do Porriño, un dos centros máis importantes a nivel industrial da comarca, até o punto de que nos últimos días acumúlanse 10.000 envíos e 2400 notificacións administrativas pendentes de entrega. De xeito que 20.000 habitantes e máis de 300 empresas atópanse sen o servizo axeitado que establece a lei.  

 “A situación é de descontrol e con unha organización caótica, polo que o nivel de deterioro do servizo cara ao cidadán e a presión ao persoal é insostíbel”, sinalan dende a central sindical.  Neste senso, lembran que o Estado vén de renovarlle a S.E. Correos a prestación do Servizo Postal Universal (SPU) mentres a empresa incumpre de maneira sistemática os parámetros de calidade do servizo público. “É un suma e sigue, xa que a situación repítese ao longo do país”. De feito, a CIG denunciou recentemente tempos de espera de 45 minutos en oficinas de Vigo. 

 En consecuencia, o malestar entre o cadro de persoal vai en aumento polas condicións nas que ten que desenvolver o seu traballo. “E Correos paga multas por incumprir os compromisos do SPU pero din que non hai cartos para contratación”. Por iso cualifican a xestión do servizo como “nefasta”: a empresa entrega cantidades millonarias por non cumprir en moitos casos coa lei de procedemento administrativo, ao tempo que mantén o persoal con soldos “de miseria”. 

 Soldos que contrastan cos 200.000 euros anuais que ingresa o presidente da entidade, “mentres o persoal segue a enfermar e a sufrir accidentes no traballo como consecuencia do estrés e da presión que soporta”. Fronte a isto, a CIG reclama a cobertura de todas as prazas para ofrecer un servizo público de calidade e garantir que o persoal poida traballar en condicións dignas. 

 Finalmente, advirten que de non mudar esta situación haberá cidadáns e empresas que teñan problemas con prazos legais e pregúntanse por que a Ministra de Traballo, Yolanda Díaz, fai “oídos xordos” ante o deterioro laboral e de servizo nesta empresa pública.

Ningún comentario:

Publicar un comentario