BALONMÁN FEMININO
O Mecalia Atlético Guardés comeza a súa ocupada pretempada
• O equipo miñoto comeza esta fin de semana no Porriño a primeira das cinco citas da súa pretempada, que durará seis semanas. Mañá venres ás 18.00 horas xogará a primeira semifinal do Torneo Memorial Gilsanz contra o Rocasa Gran Canaria
• A preparación para o comezo do curso inclúe eventos habituais coma o Trofeo Festas do Monte ou o Summer Bag, e tamén novidades coma un partido en memoria de Juan Rodríguez
• A maioría dos encontros servirán como termómetro para medir o estado dos planteis rivais en División de Honra, nos que houbo moitos movementos durante o verán, ademais de permitir coñecer aos dous equipos que ascenden á categoría
• A pretempada guardesa entrelazarase co comezo ligueiro o vindeiro 30 de agosto en Lanzarote, rematando unha semana despois coa final da Supercopa de Galicia ante o Porriño
Redacción Deportes / A Guarda
O Mecalia Atlético Guardés inaugura un agosto cheo de balonmán. Co ritmo de adestramentos xa asentado, o equipo miñoto disputa esta fin de semana a súa primeira cita dunha pretempada que incluirá outras cinco ata rematar o 7 de setembro coa Supercopa de Galicia. Unha preparación para o novo curso que enlazará precisamente co esperado inicio ligueiro, previsto para o 30 de agosto no feudo do Zonzamas canario. No calendario inclúense eventos tradicionais coma o Trofeo Festas do Monte, a mencionada Supercopa ou o Summer Bag de Villacelama, se ben destaca como novidade un partido amigable en memoria Juan Rodríguez Pérez, histórico do Club, o 16 de agosto.
As de Ana Cristina Teixeira Seabra quentan motores. Menos de dúas semanas despois de comezar os adestramentos e con tódalas xogadoras xa en activo, o cadro de persoal prepárase para a acción na primeira cita da pretempada, o II Torneo Memorial Julio Gilsanz esta fin de semana no Porriño. Este venres 8 de agosto o novo Mecalia Atlético Guardés estrearase na primeira das semifinais da competición amigable contra o Rocasa Gran Canaria (18.00 horas), e segundo o seu resultado o domingo 9 loitará contra un dos outros dous participantes, o ABC Braga ou o anfitrión Porriño, polo terceiro ou primeiro posto (18.00 ou 20.00 horas, respectivamente). Un primeiro envite importante que permitirá coñecer o estado de dous fortes rivais da categoría elite.
O balonmán continuará a fin de semana seguinte, co Mecalia Atlético Guardés actuando como anfitrión por partida dobre. O venres 15 de agosto, ás 20.30 horas, o pavillón municipal A Sangriña acollerá o tradicional Trofeo Festas do Monte, un encontro amigable contra o portugués São Pedro do Sul. Ao día seguinte, o mesmo pavillón guardés será escenario da principal novidade desta pretempada, na que se prevé coma unha xornada especial e emotiva: un partido homenaxe a Juan Rodríguez Pérez, expresidente do Club miñoto falecido xusto un ano atrás, encontro para o que se está traballando por concretar un rival, aspecto que aínda non puido pecharse debido á alta ocupación no transporte nesta época do ano. Previsiblemente, o horario será tamén ás 20.30 horas.
Os amigables de agosto péchanse a fin de semana seguinte co tamén habitual Torneo Summer BAG Experience de Villacelama en León, que o sábado 22 e domingo 23 reunirá ao Mecalia Atlético Guardés con tres coñecidos rivais da División de Honra. Na primeira xornada, o Mecalia Atlético Guardés medirase ao Costa del Sol Málaga na segunda semifinal (20.30 horas), mentres que o domingo loitará ben polo primeiro ou terceiro posto ante o Bera Bera ou o Aula Valladolid (horarios por definir).
Pero o derradeiro mes do verán coroarase cun importante compromiso para o equipo da Guarda, que o sábado 30 de agosto visitará ao Zonzamas Plus Car Lanzarote na primeira xornada da Liga Guerreras Iberdrola 2025/2026 (20.00 horas, pavillón municipal de San Bartolomé), outro dos conxuntos ascendidos á categoría este ano que deu moito que falar pola impresionante composición do seu cadro de persoal. A segunda xornada será apenas días despois, e reunirá a un Mecalia Atlético Guardés anfitrión co KH-7 Granollers o mércores, 3 de setembro, ás 21.00 horas, na Sangriña.
E coa cabeza xa posta na Liga, quedará espazo para a cita definitiva da pretempada guardesa, tamén moi tradicional e esperada, o derbi galego da final da Supercopa de Galicia, que se celebrará este ano en Vilagarcía de Arousa o domingo 7 de setembro ás 19.00 horas contra, como non podía ser doutro xeito, o Balonmán Porriño. Unha forma inmellorable de pechar seis semanas frenéticas para un Mecalia Atlético Guardés con moitas ganas de poñerse en marcha e axustar as súas porquetas para un novo curso cheo de oportunidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario