17 de xuño de 2023

A GUARDA

ROBERTO JOSÉ ÁLVAREZ CARRERO,  DO PARTIDO POPULAR, ELEXIDO ALCALDE DE A GUARDA

Cos votos dos concelleiros do seu grupo municipal, xa que os demais votaron aos seus respectivos candidatos


Momento no que Roberto José Álvarez Carrero toma posesión do cargo de alcalde do concello de A Guarda
Fotos: infogauda
Vistas do público que asistiu á constitución da nova corporación municipal



Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Ao igual que na maioría dos concellos de todo o Estado español, no mediodía deste sábado día 17 de xuño de 2023, tivo lugar no salón de plenos da Casa do Concello de A Guarda, a sesión plenaria extraordinaria da constitución da corporación municipal e a elección do alcalde da localidade

 Como explicou a secretaria, Julia Mª Carrasco González-Alegre, "(...) de acordo co sinalado no artigo 195.1 da Lei de Réxime Electoral Xeral (...), "(...) as corporacións municipais constitúense en sesión pública o vixésimo día posterior á celebración das eleccións (...)".

 "(...) A estructura deste acto - engadiu a secretaría - vén marcado polas seguintes partes, que coinciden exactamente coa orde do día da convocatoria:

1.CONSTITUCIÓN DA MESA DE IDADE. 

2.ACREDITACIÓN DOS CONCELLEIROS ELECTOS E COMPROBACIÓN DO QUÓRUM. 

3.TOMA DE POSESIÓN DOS CONCELLEIROS ELECTOS. CONSTITUCIÓN DA CORPORACIÓN. 

4.ELECCIÓN DE ALCALDE. 

5.TOMA DE POSESIÓN DO CARGO DE ALCALDE. 

6.EXAME DO ARQUEO E DOCUMENTACIÓN XUSTIFICATIVA E DOS INVENTARIOS TANTO DO CONCELLO COMO DO PADROADO MONTE SANTA TREGA.

 A continuación procedeuse á constitución da Mesa de Idade, que estivo integrada por Celso Rodríguez Fariñas (de Espazo Común) e Anxo Pena Pérez (do Partido Popular), como concelleiros electos de maior e de menor idade, respectivamente, actuando como secretario/a a que o sexa da corporación.

 Seguidamente fixo uso da palabra Celso Rodríguez Fariñas, para logo de saudar á todas ás persoas presentes decir: "(...) Hoxe estamos nun acto dos que máis representan a democracia popular, como é a proclamación das autoridades que nos tocan máis cerca a todos os veciños, porque os que estamos eiquí sentados na mesa fomos electos polos votos dos veciños. Polo tanto creo que é a festa da democracia que máis nos toca, e polo tanto, benvidos todos a esta casa na que as portas deberan estar sempre abertas para que os guardeses e guardesas poidamos facer todas as xestións, recramacións, e recibimentos que se merece calquer veciño, en canto a respecto e ao trato (...)". 

 Asemade, Rodríguez Fariñas informou que "todos e cada un dos concelleiros electos presentes entregaron xa na secretaría do concello as súas credenciais que lles acreditan como tales pola Xunta Electoral de Zona, de Tui, e formularon as preceptivas decraracións de bens e actividades, que están custodiadas no propio departamento de secretaría. Así mesmo, compróbase que existe quórum ao estar presentes as totalidade dos concelleiros e concelleiras electos/as (...)".

 Acto seguido tivo lugar a toma de posesión dos concelleiros/as previa a constitución da corporación, facéndoo en primeiro lugar os membros da Mesa de Idade, e logo os demais, por orde alfabética, mediante chamamento.

 No que respecta á formula empregada, algúns concelleiros optaron por xurar, e outros por prometer os seus respectivos cargos. Mesmo houbo dous que xuraron e prometeron dado que leron literalmente o texto que lles fora facilitado previamente: "Xuro/prometo pola miña conciencia e honra cumprir con fidelidade as obrigas do cargo de Concelleiro/a do Concello da Guarda, con lealdade ao Rei e gardar e facer gardar a Constitución como norma fundamental do Estado".

 Polo que respecta aos concelleiros do BNG optaron pola súa propia: "Prometo por imperativo legal e comprométome a defender os dereitos e intereses xerais da veciñanza da Guarda e do pobo galego". Obviando dese xeito, referirse "(...) a lealdade ao Rei e gardar e facer gardar a Constitución (...)".

 Unha vez rematado ese momento, o presidente da Mesa de Idade, Celso Rodríguez Fariñas, manifestou: "Cumplidos os requisitos legais de prestar xuramento ou promesa, os concelleiros e concelleiras electos/as toman posesión do seu cargo como concelleiros/as da Guarda, polo que se declara constituida a nova corporación municipal".

 Seguidamente, a secretaria indicou: "Punto 4. Elección de alcalde".

 Citou á normativa aplicable, resumindo o procedemento de elección, indicando que "(...) a votación será ordinaria e a man alzada". Tamén indicou os nomes dos concelleiros que poden ser candidatos á alcalde: Roberto José Álvarez Carrero, polo PP; Anxo Lois Baz Vicente, polo BNG; Antonio Lomba Baz, polo PSdeG-PSOE; e Celso Juan Rodríguez Fariñas, por Espazo Común".

 A secretaria sinalou tamén que "(...) os cabeza de lista non son per se, candidatos á alcaldía, senón que deben manifestar neste acto se manteñen ou non a súa candidatura, ou para explicar o sentido do seu voto (...)".

 A continuación deulle á palabra a Roberto José Álvarez Carrero que logo de efectuar unha salutación solicitou o voto para a súa candidatura á alcaldía da Guarda e referiu, entre outras cousas: "(...) Fai tres semanas, o día 28 de maio, A Guarda expresou a súa vontade e falou nas urnas. Dixo de forma nítida e rotunda que quería un cambio. Que non estaba de acordo coa política e xestión que se estaba a realizar polo grupo de goberno (...)". "(...) Ese cambio manifestouse nas urnas, nos votos, que por outra banda non deixa de ser a vontade popular recollida en resultados elcctorais.

 A candidatura que encabezo, cun gran aumento de votos, gañamos ás eleccións de forma clara. sen discusións. Fomos a forza máis votada e maioritaria que escolleron os guardeses e as guardesas para gobernar o noso pobo, pero, como sabemos, sen acadar á maioría absoluta que nos permitira gobernar, dado que conseguimos 8 concelleiros dun total de 9 [quixo decir, dun total de 17] quedándonos a un só concelleiro da maioría absoluta.

 O BNG, despois de nós, foi a segunda forza, e a pesares de perder votos mantivo o número de concelleiros das pasadas eleccións.

 Espazo Común, con Celso Fariñas á cabeza, entrou tamén nesta ecuación municipal cun concelleiro. Se trasladamos estes resultados ao antigo partido político que encabezaba este concelleiro podemos constatar que prácticamente mantivo os mesmos resultados cunha pequena subida de 11 votos, pero conservando ese representante municipal.

 Finalmente, o PSOE co señor Antonio Lomba e o seu grupo de goberno na cabeza, foi o máis penalizado por todos os guardeses e guardesas, que manifestaron que esta forma de gobernar e xestionar non foi traducida nos votos, e [de aí] esa perda de concelleiros (...)".

 "(...) A decisión de A Guarda impúxose (...)", afirmou Roberto José Álvarez Carrero, quen indicou que despois das eleccións o seu partido iniciou "(...) unha serie de conversas para ver se algunha forma podían contar co apoio das diferentes forzas políticas, ben para un pacto de investidura, de goberno, etc. (...)". Asemade dixo que "(...) á única forza que se ofreceu a entrar no goberno foi Espazo Común, pero as súas demandas, a día de hoxe, son inasumibles polo noso partido, como así se lle trasladou ao concelleiro Celso Fariñas (...)". 

 Tamén informou que "(...) o PSOE e o BNG manifestaron de forma rotunda que serían oposición ao goberno que se formase, dado que políticamente non temos nada que ver con eles (...)".

 Como xa fixera noutra ocasión, Roberto José Álvarez Carrero referiu unha cita de Platón, na súa obra A República, para engadir: "(...) Hoxe pídovos o apoio a todos e cada un dos concelleiros e concelleiras, máis alá do voso pensamento e incluso das vosas ideoloxías (...)".

 Tamén citou a Donoso Cortés, quen no seu día afirmou: "As alianzas non son un fin. As alianzas son un medio para conseguir un fin (...)". "Neste caso - dixo Roberto José Álvarez - , o fin é buscar os intereses da Guarda. Creo que sobran as palabras porque o interese do pobo foi o cambio, e non un pacto de tres forzas (...)".

 A continuación interviu Anxo Lois Baz Vicente, para decir: "O BNG, como xa se dixo, é a segunda forza política deste plenario e como xa adiantamos o día despois das eleccións, imos votar por nós mesmos (...)".

 Seguidamente fixo uso da palabra, Antonio Lomba Baz, para decir en síntese: "(...) Visto o resultado electoral das eleccións municipais do pasado 28 de maio, resulta evidente que o traballo e a xestión feita polo equipo de goberno que encabecei neste mandato que remata, non acadou o respaldo da cidadanía guardesa. 

 Temos claro, que como dice á canción "O povo é quem mais ordena" (...)".

 Lomba Baz dixo tamén: "(...) Neste caso o noso traballo non foi valorado como a nós nos gustaría, pero entendemos que o mandato do pobo é claro. Debemos deixar paso para que outros gobernen e así o facemos. Iso si, sen renunciar a exercer a labor política de oposición. Porque entendemos que dende a oposición tamén se pode traballar pola Guarda. Sempre o entendemos así. 

 Antes de entrar en materia sobre o sentido do voto, permitídeme unha pequena licencia a modo de despedida… 

 Para min foi  unha honra e un privilexio ter sido alcalde da Guarda durante os últimos oito anos. 

 Agradezo a todas aquelas persoas que me animaron e apoiaron para desenvolver o meu labor como alcalde. Incluídas aquelas que, con educación, fixeron críticas constructivas, porque estas tamén contibuíron a mellorar o traballo do goberno, o meu traballo. E nestes tempos que corren nos que se manifesta máis do que nos gustaría a ruindade, a toxicidade e a descalificación, sobre todo nas redes sociais; un agradece atoparse con persoas con sentidiño que axuden a construir un mundo mellor. Persoas con pensamento crítico e mentalidade aberta. 

 O noso obxectivo no goberno municipal sempre foi traballar para ter A Guarda máis fermosa, dinámica, moderna e accesible, na que vivamos máis a gusto e da que nos sintamos, se cabe, aínda máis orgullosos e orgullosas. Para iso elaborabamos un programa de goberno e para iso tratábamos de cumplilo, chegando a facelo nunha porcentaxe moi alta. 

 Para min ser alcalde foi un camiño cheo de vivencias intensas, que pagou a pena ser andado, coñecín xente incríble, tiven experiencias que me fixeron crecer como persoa e aprendín cousas moi interesantes. E, ainda que houbo momentos moi duros, eu, por suposto, quédome cos instantes marabillosos, que tamén os houbo. 

 Sen dúbida, entre as persoas incríbles que coñecin nesta singladura atópanse as e os concelleiros que formaron parte dos equipos que encabecei. Concelleiros e concelleiras que ademais de ter grandes cualidades profesionais e humanas acabaron por convertirse en amigos e amigas. Doulles as gracias pola súa entrega e lealdade e por facerme máis doada a tarefa de gobernar (...)".

 Na súa intervención adicoulle tamén unhas verbas ao grupo maioritario: "(...) Por unha banda o PP, o grupo máis votado, tivo un contacto con nós, máis de cortesía que outra cousa porque de antemán sabían que non apoiaríamos a Roberto Álvarez Carrero como alcalde. Tanto o PP, como Roberto Carrero, como o programa que presentaron a estas eleccións municipais están moi alonxados do noso ideario e do noso programa, por non dicir nas antípodas. 

 Non coincidimos co seu programa, non coincidímos co seu ideario, e non nos gusta a súa maneira de facer política. Non hai máis que escoitar estes días aos seus líderes nacionais, asustando cunha ETA morta e enterrada, falando de derogar leis que para nós son fundamentais e caíndo en constantes contradiccións. Por suposto, tampouco coincidimos coa forma de facer política de Roberto, sin rigor, con altanería, incluso as veces con soberbia. Atribuíndose méritos que non ten ou facendo propostas falaces, non sabemos ben se por ignorancia ou por malicia, pero máis ben creemos que o segundo.

 Por otra banda o BNG, máis cerca de nós ideolóxicamente, aínda que con diferencias importantes, solicitounos unha reunión para trasladarnos que non iba a intentar formar goberno. Que non quería encabezar unha negociación a tres bandas entre os partidos que sobre o papel somos de esquerdas ou progresistas. Non preguntaron o noso parecer. Non pediron o noso apoio para a investidura e moito menos para un pacto de goberno. Renunciaron de antemán a exercer o que os votos e as matemáticas lles permitían. 

 Por que non intentaron formar goberno? que respondan eles. Poderían buscar un acordo de investidura para gobernar con cinco concelleiros como o PSOE acababa de facelo nesta pasada lexislatura?, poderían… Da moito traballo? que nolo digan a nós… Pero pode facerse, quedou demostrado… Ademais pode facerse sen perder un euro salvo aqueles que unha oposición irresponsable deixou marchar. Pero non imos a ser nós os que pidamos explicacións do que cada partido fai cos seus votos, terán que darlle explicacións aos seus votantes, en último caso. 

 Visto este panorama non nos quedan moitas alternativas para este pleno de investidura. Por principios, xa dixen antes, non imos a apoiar ao candidato do PP Roberto Álvarez Carrero. 

 O Sr. Anxo Baz xa nos deixou claro que non quería ser alcalde nestas circunstancias, logo tampouco imos a apoiar a súa investidura. 

 Dada entonces a situación imos a votar ao candidato que presentamos as eleccións, a un servidor: Antonio Lomba".

 A continuación, a secretaria concedeulle o turno a Celso Rodríguez Fariñas, o cal dixo: "Eu creo que estamos nun acto que é básico para demostrar que o que se fixo nos anos 60 e 70 nos levou a que hoxe os veciños poidamos ter os gobernos que nós decidamos.

 Creo que non é un día de reproches. Creo que é un día de festa, independientemente das circunstancias de cada un dos grupos políticos que estamos aquí sentados. 

 Creo que tiñamos que ter claro que A Guarda está por riba de todo. De ideoloxías, de programas,..., porque eu creo que ninguén dos catro grupos que estamos aquí, presentou un programa pola mellora da Guarda. Polo tanto, de cada un dos programas hai partes interesantes que co esforzo de todos se poden levar adiante. Por iso digo que A Guarda está por iba de todo.

 Pero tamén quero relembrar o eslogan da nosa campaña: Isto non poder seguir así.

 E polo tanto me alegro que o portavoz do Partido Popular haxa falado de Platón. Me houbera gustado que houbera lido un pouco máis na parte de res pública, porque tamén habería algo que podería motivar moitas cousas (...)".

 "(...) Sobre se as nosas condicións eran inasumibles, é o seu concepto. O mismo Partido Popular, fai 20 anos aceptounas.

 Non hai nada, ningunha coma, ningún acento diferente ao de hai 20 anos. Polo tanto, non é un reproche, pero xa que el dixo unha cousa eu tamén quero decir á realidade da nosa parte. 

 E creo que son moi válídos todos os votos que ten el, como os dos demais grupos políticos, pero os 481 que nos recibimos merecen todo o respecto do mundo (...).

 A continuación afirmou que "(...) Espazo Común vai votar polo seu candidato e iso non pecha ninguna porta nin abre ningunha nova (...)".

 Rematadas as intervencións, a secretaria anunciou que se procederá á votación a man alzada, e de xeito inmediato dixo:

Votos a favor de Roberto José Álvarez Carrero. 

Tivo 8 votos.

Votos a favor de Anxo Lois Baz Vicente.

Tivo 5 votos.

 Votos a favor de Antonio Lomba Baz.

 Tivo 3 votos.

 Votos a favor de Celso Rodríguez Fariñas.

 Tivo 1 voto.

 "En consecuencia, sendo 17 o número de concelleiros da corporación, e 9 á maioría absoluta legal, e dado que non se acada o quórum esixido, de acordo co artigo 196 da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral, é proclamado alcalde o concelleiro que encabece a lista que obtuvo o maior número de votos populares no correspondente municipio. Neste caso, o Partido Popular polo que resulta proclamado alcalde da Guarda don Roberto José Álvarez Carrero", informou a secretaria municipal.

 Logo dun momento de aprausos, de gran parte das persoas asistentes a sesión, a secretaria deu paso ao punto 5º. Toma de posesión do cargo de alcalde; indicando que "(...) como requisito previo á toma de posesión do seu cargo debe prestar xuramento ou promesa de acatamento á Constitución".

 Roberto José Álvarez Carrero optou polo xuramento de acatamento á Constitución.

 A secretaria, informoulle a Álvarez Carrero que a partires dese intre "(...) queda vostede posesionado no cargo de alcalde do concello da Guarda, polo que a partir deste momento lle corresponde asumir á presidencia desta sesión constitutiva e en consecuencia á Mesa de Idade faille entrega do bastón de mando como símbolo das atribucións do cargo". 

 A entrega foi efectuada polo concelleiro de maior idade, Celso Rodríguez Fariñas. 

 O novo alcalde amosou ás persoas presentes o referido bastón de mando, recibindo novamente aprausos de decenas das persoas presentes. E a continuación pronunciu un discurso de investidura, no que, entre outras reflexións referiu que "(...) esta é a duodécima corporación que se constitúe en A Guarda desde á aprobación da Constitución en 1978 e a recuperación da democracia en España. Vaia, en primeiro lugar noso recordo a todos os que nos precederon nesta responsabilidade.   

 Ante nós plantéxanse novos e importantes retos que determinarán o futuro de A Guarda e das mulleres e homes que viven nela. Pero a tarefa que proxectamos para estes anos construirase sobre o traballo e os logros dos que compuxeron esta corporación en outros momentos. Quixera facer unha mención especial para quens foron seus rexedores desde 1979 ata a actualidade: Raúl González Puebla (primeiro alcalde democrático do noso pobo), Manuel Díaz González “Ligero” (un recordo emocionado para súa familia ao estar falecido), Purificación Álvarez, José Luis Alonso Riego, José Manuel Domínguez Freitas e Antonio Lomba Baz.

  Os guardeses, a través do seu voto, decidiron que gañáramos as eleccións, pero sen maioría, e a pesar de nosos denodados e verdadeiros esforzos para pactar con outras forzas políticas un goberno estable..., iso foi imposible.   

 Con todo, a cordura e a sensatez, impuxéronse e, sabedores todos os grupos políticos con representación no concello que o cambio de goberno foi solicitado con afán pola cidadanía guardesa, e que só nós eramos quen verdadeiramente capitalizabamos esa mudanza, van a permitir gobernar para que sexamos responsables da xestión municipal durantes os próximos anos. Ou, polo menos, así o esperamos, pois a verdade sexa dita, a nosa maioría é minoritaria, e a espada de Damocles de intereses partidarios por parte do resto dos grupos ameaza as nosas cabezas... Insisto, así o demostraron declinando e rexeitando de plano nosa xenerosa oferta de pacto para a investidura, de pacto para un novo goberno, de acordo para accións prioritarias para A Guarda, etc.. En definitiva, para un cambio de rumbo na Guarda.

 Sexa como for, sen esas forzas será imposible gobernar e tratar de facer que nosa Guarda progrese.

 Encomendáronsenos esta tarefa de goberno e debemos asumila e atendela desde as nosas respectivas responsabilidades, con dilixencia, integridade e espírito de servizo (...)".

  Citando a Cervantes, referiu unhas verbas pronunciadas por don Quixote: 

  “Hoxe é o día máis fermoso da nosa vida, querido Sancho; 

os obstáculos máis grandes, nosas propias indecisións; o noso inimigo máis forte, o medo ao poderoso e a nós mesmos; 

a cousa máis fácil, equivocarnos; a máis destrutiva, a mentira e o egoísmo; a peor derrota, o desalento; 

os defectos máis perigosos, a soberbia e o rancor; as sensacións máis gratas, a boa conciencia, o esforzo para ser mellores sen ser perfectos, e sobre todo, a disposición para facer o ben e combater a inxustiza onde queira que estea”.

 Hoxe si é un día fermoso para todos nós pero a acta de concelleiro é un contrato cos cidadáns que nos compromete co destino da Guarda e outórganos a enorme responsabilidade de representar aos guardeses na toma de decisión e na administración dos asuntos do municipio.

 Os cidadáns merécense que todos os partidos actuemos unidos ante os grandes asuntos da Guarda (...)".

 Rematada súa alocución, o alcalde referiu que a documentación necesaria para "o exame do arqueo e documentación xustificativa e dos inventarios, tanto do concello como Padroado Monte Santa Trega", atópanse na secretaría do concello a disposición dos concelleiros que a desexen consultar. 

 Sendo ás 12.40 horas, levantouse a sesión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario