Cinco nenas e nenos saharauís vivirán en Tomiño unhas ‘Vacacións en paz’
• A alcaldesa recibiu á rapazada e familias que participan neste programa da asociación SOGAPS, fortalecendo lazos de solidariedade e aprendizaxe
Infogauda / Tomiño
Un verán que cambiará vidas. Cinco nenos e nenas saharauís procedentes dos campamentos de refuxiados de Tinduf, no deserto do Sáhara, pasarán dous meses en Tomiño compartindo fogar, xogos e afectos con familias tomiñesas ao abeiro do programa ‘Vacacións en Paz’ impulsado pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS).
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, recibiu á rapazada e ás familias de acollida nun encontro cheo de emoción, no que destacou o profundo significado desta iniciativa. “Estes nenos e nenas chegan aquí buscando algo tan sinxelo e tan importante como un verán tranquilo, afastado das temperaturas extremas e das carencias dos campamentos. Pero o que atopan en Tomiño é moito máis: atopan agarimo, coidado e a oportunidade de ser nenos sen máis preocupación que xogar e sorrir”, afirmou a rexedora.
Durante os meses de xullo e agosto, as pequenas e pequenos terán acceso a atención médica, alimentación equilibrada, actividades de lecer e a posibilidade de mellorar o galego e o castelán, todo nun ambiente familiar que lles abrirá novas perspectivas culturais e sociais. Un tempo que tamén deixa unha pegada fonda nas familias tomiñesas. “Acoller a un neno ou nena saharauí non é só ofrecer un teito temporal, é abrir a mente e o corazón a unha realidade que nos fai máis conscientes e solidarios como comunidade”, subliñou a alcaldesa.
Este programa posto en marcha por SOGAPS van máis alá dunhas vacacións, xa que permite a estes nenos e nenas afastarse durante unhas semanas dun conflito enquistado e dun clima que supera os 50 graos en verán, vivindo experiencias que lles quedarán para sempre na memoria. Como destacan dende a asociación, moitas destas acollidas convértense en relacións duradeiras que fortalecen lazos de amizade e compromiso entre Galicia e o pobo saharauí.
Con iniciativas como ‘Vacacións en Paz’, Tomiño reafirma o seu compromiso cunha solidariedade activa, que tende pontes entre pobos e que aposta polo benestar e os dereitos da infancia, sen importar as fronteiras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario