Rueda resalta que a Xunta destina máis de 5 M€ á habilitar unha senda peonil e ciclista continua entre Vigo e Nigrán
Vanse realizar melloras nun treito de 13 quilómetros, en paralelo a estrada PO-325
O presidente galego asiste á presentación do proxecto
Foto: X.G.
Infogauda / Nigrán
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe que o Goberno autonómico vén de aprobar o proxecto de trazado para habilitar unha senda peonil e ciclista entre Vigo e Nigrán que contará cun investimento de máis de 5 millóns de euros. “É unha obra que demanda a xente e que permite fomentar a vida saudable e promover municipios máis amables que pensen nas persoas e non só nos coches”, indicou.
Rueda, acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asegurou que o obxectivo é favorecer unha mobilidade segura e sostible nunha das contornas máis poboadas e turísticas de Galicia, onde son moi habituais os desprazamentos entre a cidade de Vigo e vilas como Baiona ou Nigrán. “Está pensada para a xente que vive aquí, pero tamén é unha maneira de atraer turistas. Por esta zona pasa o Camiño Portugués da Costa que está tendo un auxe espectacular e tamén hai que pensar nos peregrinos que transiten por aquí”, salientou.
O proxecto prevé ampliar, mellorar e reformular a senda xa existente en paralelo a estrada PO-325 entre Vigo e o lugar da Ramallosa, no concello de Nigrán. A previsión é licitar as obras -que terán lugar nun treito de 13,3 quilómetros- a finais deste ano.
En concreto, vaise executar unha senda cunha sección tipo de tres metros de ancho e naqueles puntos onde non se dispón dun ancho suficiente, habilitaranse puntos de descanso para os usuarios. A senda contará con zonas verdes, novo mobiliario urbano como bancos e papeleiras así como áreas para aparcar as bicicletas.
Ademais, habilitaranse tres áreas de transferencia entre vehículo e bicicleta, para fomentar que os usuarios realicen parte do camiño sen coche, e se construirá outro aparcadoiro no punto quilométrico 12+540 para reducir o tráfico na zona.
Durante a súa intervención na presentación do proxecto, Rueda enmarcou esta medida na aposta da Xunta por fomentar unha mobilidade segura e sostible a través do Plan de sendas que permitiu habilitar máis de 300 novos quilómetros de itinerarios para peóns e ciclistas nos últimos anos por toda Galicia. Tal e como explicou, o Goberno galego destinará outros 70 millóns de euros ata 2027 para executar 120 novos quilómetros de sendas.
Estrada intelixente
Por outra banda, Rueda salientou o obxectivo da Xunta de converter a PO-325 nunha estrada intelixente aproveitando as oportunidades que ofrece a tecnoloxía para mellorar a seguridade viaria.
Tal e como explicou, o Goberno galego en colaboración co Centro tecnolóxico de automoción de Galicia, vai implantar diferentes sistemas que permitirán obter información en tempo real sobre esta vía. Deste xeito, os vehículos que conten co sistema V2X, poderán recibir avisos ante a presenza de peóns ou ciclistas así como datos sobre a climatoloxía, atascos, accidentes ou calquera outra incidencia na estrada.
A estrada intelixente contará cun sistema de detección de vídeo que se colocará en oito puntos desta estrada nos que se considera que pode haber máis perigo pola interacción entre vehículos, peóns e ciclistas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario