Tomiño estrea outra semana chea de música, cultura, maxia e tradición
• O Concello propón catro citas culturais esta semana: circo familiar, jazz, humor e música tradicional nos programas “Pequeverán”, “Música&Románico” e “Son&Serán”
Infogauda / Tomiño
Tomiño continúa a agasallar á súa veciñanza e visitantes cunha ampla variedade de propostas culturais que mesturan ilusión, tradición e innovación. Despois do éxito da semana pasada, o Concello presenta tres novos eventos en distintos recunchos do municipio, pensados para públicos de todas as idades e gustos.
A programación arranca co espectáculo “Duende Circo”, unha proposta multidisciplinar dirixida principalmente ao público familiar. Da man de Víctor Cantero, a cita será este xoves 24 ás 19:30h na praza Pintor Antonio Fernández, de Goián, dentro do ciclo #Pequeverán. Humor, malabares, música e maxia combinaranse nun auténtico cóctel de diversión.
Tamén o xoves 24, ás 20:00h, continúa o ciclo #MúsicaeRománico coa actuación do trío formado por Álvaro Iglesias (contrabaixo), Xosé Liz (guitarra acústica, bouzouki, mandolina e frauta) e Luís Peixoto (mandolina, zanfona, bouzouki). O concerto terá lugar na igrexa de San Salvador de Tebra, onde ofrecerán un repertorio que mestura jazz, música tradicional galega e novas sonoridades. Unha oportunidade única para gozar dun serán íntimo e inesquecible, onde patrimonio e música contemporánea camiñan xuntas.
Ademais, o sábado, 26 de xullo, ás 12:30h, a praza do Mercado de Tomiño converterase nun escenario de humor e reflexión coa presenza de Leti da Taberna Enredada. Esta creadora de contidos, que comezou a súa aventura en TikTok en maio de 2020, leva desde entón conquistando as redes co seu inconfundible personaxe de “tabernera virtual”. Un espectáculo para rir e pensar ao mesmo tempo, que promete deixar pegada entre o público asistente.
Por último, o mesmo día ás 22:00h, chega unha nova edición do XXX Encontro dos Pobos, no marco do programa #Son&Serán. Trátase do festival folclórico internacional máis lonxevo do Baixo Miño, que celebra este ano a súa 30.ª edición. Participarán os grupos “Virxe do Alivio”, “Itxas-Alde”, de Bakio (Euskal Herria) e o anfitrión “Do Lusco ao Fusco”. Música e danza tradicional únense nesta cita que reivindica a diversidade e riqueza cultural de Galicia.
A entrada a todos os eventos é libre e gratuíta. Con estas catro novas propostas, o Concello de Tomiño continúa a festexar un verán cheo de música, tradición e encontros culturais para todos os públicos e gustos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario