21 de xul. de 2025

O PORRIÑO

A CIG concentrarase na Fundación CTAG en resposta aos 11 despedimentos executados nas últimas semanas 

A protesta desenvolvera mañá, martes 22 de xullo, de 11 a 12h, no Porriño


Infogauda / O Porriño 

 A CIG ten convocada unha concentración para mañá, martes 22 de xullo, ás 11:00 horas, diante da Fundación CTAG (Polígono Industrial A Granxa, rúa A, parcelas 249/250, O Porriño), en resposta aos 11 despedimentos disciplinarios executados pola empresa nas últimas dúas semanas e ante a previsión de que se produzan máis medidas traumáticas deste tipo. 

 A sección sindical da CIG considera totalmente desproporcionados estes despedimentos xa que na maioría dos casos se producen por supostos erros no rexistro horario e mesmo por traballar horas de máis.  

 Critican que as persoas despedidas son “escoltadas” por persoal de seguridade até os seus postos de traballo para que recollan os seus efectos persoais e despois até a porta da empresa. 

 Estes despedimentos estanse realizando de maneira indiscriminada “sen que sequera as persoas responsábeis dos equipos tivesen coñecemento de que ían producirse, e mesmo tendo planificados traballos ou visitas á clientela nos días posteriores”. 

 A representación da CIG entende que CTAG emprendeu este camiño para minorar o cadro de persoal tendo en conta que nos últimos meses “circulaban pola empresa rumores insistentes sobre a necesidade de axustar o cadro de persoal debido á situación da empresa, considerada pola dirección como non axustada á súa planificación”. 

 En todo caso, a sección sindical denuncia que se trata de despedimentos inxustificados e inxustos que responden a mala decisión organizativas “cuxas consecuencias non deben caer sobre o persoal de CTAG”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario