22 de xul. de 2025

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

A navarra Nerea Gil engade máis madeira á primeira liña do Mecalia Atlético Guardés 

A lateral de 24 anos aportará dende a primeira liña ofensiva e será igualmente importante no labor defensivo do equipo 

Gil chega de tres tempadas liderando ao Balonmano Zuazo, aínda que chegou á categoría elite da man do Sant Quirze hai catro cursos, polo que é unha xogadora experimentada na liga española malia á súa xuventude 


A lateral Nerea Gil é a quinta fichaxe do Mecalia Atlético Guardés para a temporada 2025-2026
Foto: Cedida

Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés segue a revelar novas caras. A lateral Nerea Gil é a quinta fichaxe do equipo miñoto, navarra que recalará na Guarda para fortalecer a primeira liña e aportar igualmente no labor defensivo. Procedente do Balonmano Zuazo, onde en tres anos converteuse na estrela do equipo, malia contar con tan só 24 anos suma xa unha significativa experiencia na elite española que o actual campión de liga regular aproveitará ao máximo. 

 Gil, oriúnda de Pamplona, chega á Guarda tras tres tempadas á fronte do Balonmano Zuazo Feminino. Nos últimos anos, mentres o equipo se debatía entre División de Honra e a segunda categoría (descendeu ao remate da tempada 22/23 e volveu á categoría o ano pasado, para volver caer a Ouro sen opción de desempate en maio), a lateral foi decisiva dende a primeira liña grazas á súa efectividade no lanzamento e á súa calidade defensiva, asumindo un auténtico papel de líder sobre o 40x20. No pasado curso sumou un total de 44 goles, algo máis de 1,60 por partido. 

 Ademais do seu historial no conxunto vasco, a nova xogadora do Mecalia Atlético Guardés tamén ten un significativo pasado no Handbol Sant Quirze, co que viviu o seu ascenso á elite na tempada 2020/2021. Noutras palabras, malia a súa corta idade, pois apenas ten 24 anos, Nerea conta xa cunha experiencia notable na máxima categoría española, e a partir de agosto comezará o seu cuarto ano nela da man do equipo miñoto. Un dato que se suma a outros catro períodos en categorías inferiores e que, por todo iso, convértea nun perfil moi interesante para o equipo guardés, capaz de aportar proxección á vez que unha certa experiencia. 

 Gil é a quinta fichaxe que se suma ao cadro de persoal 2025/2026 do equipo da Guarda, xunto con Lorena Téllez, Anouk Nieuwenweg, Ariana Portillo e Sabina Mínguez. Ademais súmanse ás dez renovacións do equipo: Cristina Cifuentes, Cecilia Cacheda, Blazka Hauptman, Ania Ramos, María Sancha, Carme Castro, Elena Martínez, Estela Carrera, María Palomo e Jazmín Mendoza, e xunto a todas elas estarán baixo os mandos de Ana Cristina Teixeira Seabra á fronte do corpo técnico. Nas seguintes semanas o Club anunciará ás xogadoras restantes que conformarán o seu proxecto para o ano que vén.  

Nerea Gil: “Chegoume esta oportunidade e sentín que tiña que aproveitala porque creo que me pode aportar moitas cousas positivas” 

 A nova fichaxe do Mecalia Atlético Guardés 2025/2026, Nerea Gil, declara que se sinte “moi leda” de ter tomado a decisión de xogar no Club miñoto, en grande parte “pola historia que ten”. “Chegoume esta oportunidade e sentín que tiña que aproveitala e non rexeitala, porque creo que me pode aportar moitas cousas positivas tanto por parte do corpo técnico como das xogadoras”, explica a lateral navarra. 

 En canto ao cadro de persoal do que formará parte, este é un dos aspectos que máis quixo destacar, pois Gil considera que na súa experiencia en División de Honra sempre compartiu vestiarios con “persoas moi novas”, polo que “para min é un plus ir ao Guardés, porque ten xogadoras que levan moitos anos asentadas na categoría e pódenme ensinar moito”. 

 Outro dos motivos que indica a xogadora é a determinación polo traballo duro que defende o equipo, que “ao final, é un Club que sempre está a loitar por tódalas competicións”. As razóns para unirse a el, en definitiva, son múltiples: “Toda a xente que pasou por alí sempre me falou moi ben tanto do Club coma da vila, creo que é un lugar onde podo medrar e aportar bastantes cousas positivas, e o estilo de xogo tamén me gusta moito”. Por último, Nerea non esquece á afección do Inferno, que define como “espectacular” e que “agradece” ter a favor por primeira vez na súa carreira deportiva.

Ningún comentario:

Publicar un comentario