Tres nenos saharauís viven este verán con tres familias acolledoras de A Guarda
• Lonxe dos 50º que se poden acadar no Sáhara
Infogauda / A Guarda
Vacacións en Paz é un proxecto de acollida temporal de nenos e nenas saharauís durante os meses de xullo e agosto, que en Galicia desenvolve Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), a petición expresa do goberno da República Árabe Saharauí Democrática (RASD).
O programa Vacacións en Paz fai posible que nenas/os saharauís poidan vivir nos meses de xullo e agosto fóra dos campamentos de refuxiados saharauís en Tinduf. Este programa busca ofrecer a estes nenos/as un respiro das duras condicións de vida nos campamentos, incluíndo as altas temperaturas do verán, e brindarlles acceso a atención médica e unha alimentación máis equilibrada. Ademais, Vacacións en Paz busca fortalecer os lazos entre os pobos saharauí e español e concienciar sobre a causa saharauí.
Ademais, é unha oportunidade para que poidan realizar exames médicos e desfrutar dun clima máis relaxado, lonxe dos 50º que se poden acadar no Sáhara.
"Hoxe visitáronnos tres nenos e nenas saharauís que chegaron hai quince días á nosa vila e viven estes meses de verán en casas de acollida temporal na Guarda. Desde o Concello quixemos darlles un pequeno agasallo a estes nenos e nenas para que desfruten xunto as súas familias de acollida e as súas amizades, mais tamén para que poidan desfrutar na súa casa á volta con todos os seus amigos e amigas", dixo o alcalde Roberto José Álvarez Carrero.
"Agardamos aumentar a futura colaboración con este programa con fin humanitario, e cuxos obxectivos, importancia e funcionamento explicáronnos hoxe as familias guardesas de acollida. O ano pasado, realizouse unha sesión de ioga solidario xunto o centro AWEN no que se acadaron 306€", indicou o rexedor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario