Baloncesto e música no VIII Torneo 3x3 Vila da Guarda
• Celebrarase o 26 de xullo no Centro Cultural da Guarda
Infogauda / A Guarda
O VIII Torneo 3x3 Vila da Guarda celebrarase o 26 de xullo no Centro Cultural da Guarda cun formato que combina unha intensa xornada de baloncesto ao aire libre con propostas culturais e musicais para todos os públicos.
A parte deportiva comezará ás 09:30 h coa fase regular, que se desenvolverá en dúas quendas, mañán e tarde. A partir das 18:30 h disputarase a fase final, rematando coa entrega de trofeos ás 20:30 h. A organización do evento, a cargo do Club de Baloncesto BMB, anunciou a ampliación do prazo de inscrición ata o 22 de xullo, para completar a última plaza libre para o evento.
Ademais do deporte, o torneo contará cunha ampla programación musical. Ás 12:30h, durante a pausa do mediodía, terá lugar unha Sesión Vermú a cargo de Songodin’s & Stewart, un grupo local que ofrecerá un concerto pensado para todos os públicos, ideal para desfrutar en familia, con actividades tamen para os máis cativos.
Xa pola noite, ás 21:00 h, celebrarase o espectáculo Hip & Hoops, un festival de hip-hop e cultura urbana que comezará coa final da batalla de freestyle organizada por Eu Battles Vigo (inscrición aberta para a fase previa, será ás 17:00h). O apartado musical completaranse cos concertos de JoeMC, artista da Guarda, e MKP Crew, representando a escena urbana pontevedresa. Durante todo o día e tamén ao remate dos concertos haberá DJ sets con Som Afrokinki Crew, DJ Karree e DJ Prvden, encargados de ambientar a xornada con ritmos variados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario