15 de xul. de 2025

A GUARDA

O BNG DEMANDA A LIMPEZA E DESINFECCIÓN DOS CONTEDORES DO LIXO E A REPOSICIÓN DE PAPELEIRAS   

Anxo Lois Baz Vicente: A falta de limpeza dos contedores do lixo e a retirada de papeleiras son unha mostra máis da falta de criterio e dedicación  do alcalde e o seu  goberno”  

  

Contedores
Foto: BNG de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 O grupo municipal do BNG de A Guarda, vén de facer pública unha nota de prensa na cal afirman que coa chegada do verán os colectores do lixo desprenden cheiros insoportábeis en moitas zonas da localidade pola falta  dun programa de limpeza e desinfección sistemático.  

 Desde que tomou posición este goberno iniciou un proceso de eliminación progresivo de papeleiras difícil de explicar e carente de toda lóxica para calquera persoa que queira manter A Guarda limpa. Toda esta falta de atención maniféstase tamén nunhas rúas cada vez máis sucias e carentes da atención que requiren” 

 O portavoz do BNG da Guarda, Anxo Lois Baz Vicente, manifestou: “O goberno municipal da Guarda non presentou nin levou a cabo ningunha medida para mellorar o servizo  de recollida e tratamento do lixo  desde que tomaron posesión dos seus cargos. A recollida separada de biorresiduos para compostaxe, debería terse iniciado xa a comenzos do 2024. Nada teñen feito. Non hai programa municipal para o tratamento de residuos, tal como exixe a normativa, nin hai un proxecto de ordenanza municipal para adaptarse á nova normativa europea que evite  posíbeis  multas que directa ou indirectamente repercutirán na sociedade guardesa”.  

 O nacionalista concluíu “este goberno non só dá mostras da súa incompetencia  para levar adiante un proxecto de recollida e tratamento de residuos acorde as necesidades dos tempos que corren e as obrigas recollidas na Lei. Tampouco  nas pequenas cousas son capaces de tomar  medidas elementais para calquera administración. A decisión de  retirar as papeleiras ou a incapacidade para  programar  a limpeza e desinfección dos contedores do lixo dan boa mostra da súa incapacidade, falta de criterio e dedicación”.  

 Por todos estes motivos os nacionalistas presentan unha moción que levarán ao próximo pleno da corporación na que instarán “ao goberno municipal a que tomen as medidas precisas para proceder a limpeza sistemática e periódica dos contedores do lixo, repoñer as papeleiras eliminadas, mellorar a limpeza das rúas e cumprir coa lei 7/2022 de residuos adaptando a ordenanza municipal a dita lei”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario