O Mosteiro de Oia abre as súas portas no verán cunha nova proposta de visitas guiadas
• A propiedade invita a coñecer, do 1 de xullo ao 31 de agosto, a historia e o presente dun espazo único en continua transformación
Infogauda / Oia
Durante os meses de xullo e agosto, o Mosteiro de Oia volverá recibir visitantes con novas visitas guiadas que se engloban baixo o título "Mosteiro de Oia: un verán para redescubrir".
A piques de rematar a derradeira intervención arqueolóxica a Fundación Bretal, responsable da actividade cultural do monumento, ofrecerá un percorrido pola historia do mosteiro que se completará cos datos de incrible valor xerados como xacemento arqueolóxico en pleno proceso de investigación.
Deste xeito a propiedade segue a mostrar o seu compromiso por facer compatible o acceso público cos traballos previos á gran obra de restauración.
As visitas guiadas realizaranse de mércores a domingo desde o 1 de xullo ata o 31 de agosto en catro quendas diarias e coa habitual capacidade limitada para desfrutar ao máximo da experiencia
Como outros anos os martes segue a ser o día de acceso de balde á propiedade en catro quendas pola mañá. Neste caso é aconsellable reservar previamente a praza posto que a capacidade tamén é limitada. O día de balde a visita será acompañada, non guiada.
Horarios e días de visitas
• Martes (día de balde). Visita acompañada, non guiada.
• Turnos: 10:00 | 11:00 | 12:00 | 13:00
• De mércores a domingo. Visitas guiadas.
• Turnos: 11:30 | 13:15 | 16:30 | 18:15
Unha experiencia única
Un dos principais atractivos destas visitas é que o público non só explorará un monumento histórico, senón tamén un auténtico xacemento arqueolóxico en proceso de estudo. Esta combinación ofrécelles aos visitantes a oportunidade de coñecer o pasado mentres se descobre o presente, consolidando o Mosteiro de Oia como un espazo onde a historia e a ciencia converxen.
“O verán é unha época ideal para gozar da historia en Oia. Os amantes do noso patrimonio poderán engadir esta visita a súa ruta polo Val Miñor e o Baixo Miño xunto a outros elementos patrimoniais destacados como son Baiona, Cabo Silleiro, o castro de Santa Trega ou os muiños do Folón e do Picón”, destacan dende a organización.
Non perdas a oportunidade de visitar un dos lugares máis emblemáticos da costa galega este verán. Consulta os horarios e reserva xa a túa praza en
https://www.mosteirodeoia.com/gl/visitas-guiadas-veran-2025/
A historia agárdate!
Ningún comentario:
Publicar un comentario