Luis López asina co alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, o convenio financiar os 1,4M€ do proxecto para a reurbanización da Praza de Santa Liberata
• O presidente provincial salienta o impacto da combinación dos recursos do Plan Extra e o Plan +Provincia para financiar o 100 % dunha obra que transformará a imaxe de Baiona
Foto: D.PO.
Infogauda / Baiona
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de asinar o convenio de colaboración co alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, para o financiamento do proxecto de reurbanización da praza de Santa Liberata. Un acordo asinado no marco do Plan Extra, o novidoso plan de investimentos do goberno provincial que mobiliza ata 38 millóns de euros entre os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para executar proxectos estratéxicos. No Pazo provincial, López e Vázquez Almuíña selaron un acordo a través do cal o a Deputación financia o 100 % do orzamento, de case 1,4M€; cunha achega de 900.000€ ao abeiro deste Plan Extra e outra de 493.570€ para cubrir a parte correspondente ao Concello con recursos do Plan + Provincia.
O proxecto de reurbanización da praza de Santa Liberata de Baiona ten como obxectivo principal recuperar este espazo público para o uso peonil. A intervención abrangue unha área de case 5.000 metros cadrados cun deseño que lle dá prioridade á mobilidade peonil e á accesibilidade universal. Proponse unha plataforma única sen desniveis, onde a circulación de vehículos quedará restrinxida a residentes, servizos e emerxencias. Coa vexetación crearase un perímetro de árbores de gran porte para delimitar a praza e, ademais, incorporaranse zonas axardinadas con especies autóctonas e aromáticas, creando espazos de descanso baixo a sombra, para construír un espazo máis confortable, diverso e acolledor. A praza contará con novos pavimentos, un novo sistema de drenaxe, saneamento e iluminación e incorporará fontes, papeleiras e bancos de madeira e pedra, integrándose de maneira harmónica no deseño. Unha humanización que sumará valor engadido a unha contorna que potenciará tamén a conexión co Camiño Portugués e co conxunto histórico da Colexiata de Santa María.
A colaboración da Deputación co Concello de Baiona non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten previsto recibir este ano de mans do organismo provincial preto de 2,1M€ a través de programas do servizo de Cooperación como o Plan +Provincia e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario