10 de xuño de 2025

TURISMO

A Guarda é a vila máis acolledora de Galicia,  segundo os propios visitantes  

Este luns 9 de xuño dábase a coñecer que a vila mariñeira era a gañadora desta categoría no Traveller Review Awards 2025  


Vista parcial da vila de A Guarda, desde o Monte Santa Trega
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 A Guarda é a vila máis acolledora de Galica segundo os propios visitantes, pois acaba de resultar a gañadora desta categoría nos Traveller Review Awards 2025, que en galego vén sendo Premios de recensións de viaxeiros 2025, que se coñeceron este luns 9 de xuño.  

 Estes premios celebraron a 13ª edición e baséanse en máis de 360 millóns de comentarios verificados na plataforma en liña de reservas Booking.com de viaxeiros internacionais. A Guarda destacou nos valores de autenticidade, proximidade e calidez no trato, colocándose, por tanto, no máis alto do clasificación galega en hospitalidade e calidade na experiencia turística.  

 Os viaxeiros tamén deixaron notar a riqueza do noso patrimonio natural e cultural, desde o recoñecido Castro de Santa Trega ata o porto, a fortaleza de Santa Cruz e a propia desembocadura do río Miño.  

 “Estamos encantados con este recoñecemento, que ademais provén dos propios visitantes e turistas, pois recoñece o traballo e aposta que estamos facendo desde este goberno polo turismo, pero tamén pón en valor a idiosincrasia dos guardesas e guardesas, esa forma de ser acolledora e amable”, declara o alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero.  

 O Concello de A Guarda xa leva realizado diferentes accións dentro da promoción turística para dar a coñecer a nosa vila e os seus encantos. En xaneiro, A Guarda estivo presente na Feira de FITUR, en Madrid, para logo ser a protagonista en maio na caseta do Lar Gallego na Feria de Abril de Sevilla. Ademais, realizáronse traballos para mellorar a experiencia dos turistas, como un deseño renovado dos mapas turísticos e a posibilidade de realizar visitas virtuais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario